Escoitar

O alcalde manifesta o acordo pleno con Cangas e Moaña sobre a área metropolitana

Tras unha reunión celebrada este venres na Alcaldía, Abel Caballero destacou a estreita relación que une aos tres concellos e urxe á Xunta de Galicia a que aprobe a reforma da lei de Área Metropolitana de Vigo.

venres, 28 ago 2015
1440766172alcaldes.JPG
O rexedor vigués recibíu esta mañá na casa consistorial ao alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, nun encontro no que abordaron a constitución da área metropolitana.

Para Abel Caballero foi unha "magnífica reunión" na que os tres alcaldes acadaron un importante nivel de acordo sobre a relevancia da creación da grande área metropolitana de Vigo e sobre o territorio que debe comprender. Neste sentido, Caballero apelou a Alberto Núñez Feijóo a que teña en conta estas demandas e permita a aprobación da área modificada nos próximos meses, xa que "non se pode esperar máis".

A xuntanza servíu para amosar o acordo total de Vigo, Cangas e Moaña sobre a área metropolitana tanto no modelo a desenvolver, tomando como referencia Barcelona, como no papel que debe asumir cada un dos concellos integrantes, liderados por Vigo e con proporcionalidade correxida. Así mesmo, os rexedores coincidiron na urxencia de modificar a lei que rexe a constitución da área metropolitana.

Xosé Manuel Pazos e Leticia Santos manifestáronlle ao alcalde de Vigo a súa preocupación polos transbordos dos pacientes dos seus concellos ao novo hospital de Vigo, co que terán menor fluidez no transporte público e que lles vai supoñer un custo maior. Abel Caballero comprometeuse a estudar a situación da cidadanía de Cangas e Moaña, dous concellos cos que Vigo mantén unha relación estreita pola proximidade social e económica.
Descargar todas as imaxes