Escoitar

O Concello ultima o concurso para abrir novas rutas aéreas internacionais e reforzar Barcelona

A Vigo Convention Bureau, reunida este mércores, abordou distintas cuestións sobre a promoción turística da cidade, entre as que Abel Caballero subliñou a potenciación das conexións aeroportuarias. O alcalde avanzou que antes de que conclúa maio estará listo o concurso público para reforzar o voo a Barcelona e conseguir novas rutas en distintos mercados internacionais. Así, o aeroporto de Vigo conta este verán con 12 destinos e no próximo acadaranse as 19 conexións.

mércores, 29 abr 2015
Segundo informou o alcalde, na reunión da Vigo Convention Bureau aprobouse o plan de traballo deste ano, centrado na potenciación da cidade como destino de congresos, eventos e reunións, ademais da capatacións de feiras nacionais e internacionais e continuar potenciando a Vigo Film Office, que interveu recentemente na consecución para Vigo "por primeira vez" da grabación de tres largometraxes: "A praia dos Afogados", "O Club dos Incomprendidos" e "Toro".

Abel Caballero enfatizou singularmente o "notable" proceso de despegue no que se atopa inmerso o aeroporto de Vigo, básico para a potenciación turística da cidade. Este verán, tal e como recordou o alcalde, Peinador conta cun total de 12 destinos (Madrid, Barcelona, Bilbao, París, Londres, Mallorca, Ibiza, Valencia, Málaga, Sevilla, Gran Canaria e Tenerife) e no 2016 e 2017 -en virtude do concurso municipal resolto en favor de Air Nostrum- engadirá outras catro rutas (Alicante, Menorca, Bruxelas e Roma).

O alcalde de Vigo avanzou que o novo concurso que ultima o goberno local estará listo antes de que remate o mes de maio, un contrato que esixe xa para o 2016 reforzar Barcelona con alomenos seis voos cada semana durante todo o ano e abrir como mínimo tres novos destinos internacionais durante seis meses, dúas veces por semana, en alomenos dous dos seguintes mercados ofertados: centroeuropeo (a través dos aeroportos de Colonia, Dusseldorf, Berlín, Stuttgart, Viena, Varsovia, Bratislava, Budapest ou Basilea), británico e irlandés (Edimburgo, Glasgow ou Dublín), nórdico (Copenhague, Oslo ou Estocolmo) e italiano (Milán, Pisa, Bolonia e Palermo). Cos tres novos destinos que require como mínimo o concurso que ultima o goberno local, Peinador terá no 2016 un total de 19 destinos.