Escoitar

A concelleira Mariló Cabaleiro presentou as liñas de actuación de Participación Cidadá

venres, 22 xuñ 2001
imx372.jpg
A Concellería de Participación Cidadá elaborou un programa que contén as liñas de actuación previstas para cubrir as necesidades básicas do tecido asociativo en Vigo en materia de equipamentos, formación, defensa, investigación e mellora da calidade de vida, entre outros.

Son accións concretas que, nalgúns casos, xa están en proceso de desenvolvemento e outras xorden cun compromiso de posta en funcionamento nun marco temporal estimado para o 2003 e que se inclúen no Plan Municipal de Participación Cidadá.

A liña informativa divulgativa e promocional contén un rexistro municipal de asociacións e entidades non lucrativas, a edición de estudios e investigacións, a actualización do directorio de asociacións, unha campaña de sensibilización a través de medios publicitarios, unha guía cidadá en formato dixital, a creación dun catálogo anual de actividades e cursos, guías temáticas sectoriais e un banco de actividades.

A liña formativa disporá dunha guía bibliográfica de publicacións, a creación da Axencia Municipal de Servicios para as asociacións, a mellora da xestión interna, o impulso ó plan de formación, un curso de posgrao en colaboración coa Universidade de Vigo, a edición dun manual de xestión e organización das asociacións e un fondo bibliográfico e documental sobre participación cidadá.

Dentro da liña de mellora dos procesos de participación nas asociacións está a elaboración dun código ético e a promoción do modelo de eleccións primarias como sistema democrático de funcionamento.

A convocatoria de subvencións, axudas para novos investimentos, creación de novas infraestructuras, mellora das condicións físicas e sinalización de locais, creación dunha guía de recursos e dun viveiro de asociacións forman parte da liña de fomento e apoio á creación de espacios e xestión.

Outra liña pretende dinamizar e potenciar o voluntariado mediante a creación dun Plan Municipal de Voluntariado e dunha Plataforma de Voluntariado, ademais da Oficina Municipal de Voluntariado e da posta en funcionamento dun servicio telefónico para este fin.

Seguindo a liña de potenciación da participación cidadá promoverase o asociacionismo, crearase o Consello Municipal de Participación Cidadá, fomentarase a presencia do tecido asociaciativo en feiras, certames e congresos e consolidarase a celebración dunha mostra anual de asociacións.

Na liña de estudios e proxectos realizaranse un I Plan Municipal de Participación Cidadá, estudios para coñecer a diversidade sociolóxica e proxectos de investigación de carácter participativo.

A liña de mellora de atención ó cidadán inclúe a ampliación horaria do teléfono de información 010, o envío periódico de información de interese ás asociacións, tramitación e seguimento das queixas e suxestións e informatización e conexión en rede das entidades veciñais. Ademais, ampliarase a presencia dos Centros de Atención Municipal, crearase un portal virtual da Concellería e fomentarase o acceso ás novas tecnoloxías nas zonas rurais.

Na liña de defensa da cidadanía inclúese a implantación definitiva da figura do valedor do cidadán e a instalación dun buzón cidadán para atender queixas e suxestións a través de internet, que complementará o caixón de correo localizado na lonxa da Casa do Concello para este fin.
Descargar todas as imaxes