Escoitar

Vigo prepárase para celebrar a tradicional noite de san Xoán

venres, 22 xuñ 2001
O Servicio de Bombeiros revisa as solicitudes presentadas para realizar as fogueiras de san Xoán co fin de que se cumplan os requisitos esixidos desde o Concello de Vigo.

Recoméndase unha separación de 12 metros entre as fogueiras e edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como en non facer as fogueiras en zona forestal nin onde haxa productos inflamables almacenados ó redor. Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites e de calquera substancia que desprenda fumes tóxicos e coidarase de non botar sprays ó lume.

No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público asfaltados e pintados, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros en toda a superficie da fogueira.

Ó finalizar a fogueira e, antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas.


Tradicións

As fogueiras sitúanse en espacios comúns e son os veciños os que proporcionan materiais para queimar. A práctica máis xeralizada consiste en saltar as lapas tres veces para liberarse dos posibles males que se padezan. Segundo a tradición, o lume de san Xoán afasta tamén os inimigos que pertencen ó universo sobrenatural como o demo, as bruxas ou as meigas.

As plantas son utilizadas como elemento protector e curativo en san Xoán. Nesta noite déixase macerar ó orballo un ramo de herbas aromáticas para lavar a cara á mañá. Menta, macela, dixital, fiúncho, codeso, fento, espadana, malva, artemisa e sabugueiro, entre outras, son utilizadas para facer o ramo.

Unha broma habitual consiste en esconder cancelas, carros e apeiros de labranza para facerlle burla ó veciño.

A celebración é tamén circunstancia oportuna para que fagan acto de presencia numerosos seres do maxín popular como mouras, donas ou encantos que cobran aspecto humano e aparécense en enclaves determinados como castros, mámoas, castelos ou fontes, segundo recollen numerosas lendas.