Escoitar

Exposición "Romaría na Carballeira" na Casa Galega da Cultura

O xoves, 19 de marzo, ás 20:00 h, terá lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2), a inauguración da mostra "Romaría na Carballeira. O tempo de lecer dos nosos antergos", integrada nos actos da Reconquista da Vila de Vigo, organizados pola AVC do Casco Vello, coa colaboración da Concellería de Cultura, Festas e Museos.

xoves, 19 mar 2015
1426684105romaria.jpg
A exposición está comisariada por Patricia González Iglesias, formada como deseñadora de moda e patronista-escaladora. Crea o seu propio obradoiro de costura hai case 17 anos, onde investiga, deseña e confecciona artesanalmente traxes tradicionais, fundas para instrumentos a medida, vestidos para gaitas... Dende hai anos, é a profesora responsable do curso de costura tradicional da Asociación Veciñal do Casco Vello de Vigo, así como do asesoramento e confección do vestiario da representación da Festa da Reconquista da Vila de Vigo. Posuidora de diversas distincións, tales como Certame de Xóvenes Deseñadores de Camariñas, Certame de Promoción da Moda Vigoferia e Mostra de Novos Creadores de Moda da Xunta de Galicia, ten tamén participado en conferencias e exposicións (A Reconquista de Vigo no Museo Quiñones de León, Mostra do Traxe Tradicional Galego no Casco Vello do Concello de Vigo, etc.).

As Romarías en Galicia constitúen un importantísimo fenómeno social e cultural que se remonta máis de mil anos atrás e que relaciona elementos devotos como a promesa, o rezo e o ofrecemento, con outros profanos, como a relación social, o baile e o divertimento. As Romarías tiñan unha función tamén indispensable naquela sociedade xa que supuñan unha pequena liberación e un necesario tempo de lecer e relaxación física e psicolóxica para a xente do campo tras un ano de duro traballo sen apenas descanso. Así comunidades que permanecían illadas a maior parte do ano entraban en relación, feito este fundamental para o coñecemento e a evolución da propia sociedade.

Nesta exposición recréase unha carballeira, na que non faltan bailadoras e bailadores, música e xantar. Podemos coñecer como vivían o tempo de lecer os nosos antergos e como visten para esas ocasións. Tendo en conta que estamos nunha romaría na carballeira, vemos sobre todo traxes de cotío, confeccionados con teas bastas fabricadas artesanalmente (liño, pano, estameña, etc.). Vemos tamén algún traxe de gala, levado principalmente polos señores do pobo, feito con teas máis ricas (veludos, rasos, etc.) e moi adornados con cintas, pedrería, bordados, etc.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 5 de abril, e contará con horarios de apertura especiais o sábado 28 e domingo 29 de marzo (de 12:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h).
Descargar todas as imaxes

Máis información