Escoitar

O Concello apoia a primeira carreira nocturna no monte Vixiador e Manel Fernández salienta "o privilexiado entorno elixido"

O trail, unha competición atlética de montaña que está a gañar adeptos nos últimos anos de forma continuada, chega a Vigo o vindeiro día 23 co apoio do Concello.

mércores, 6 ago 2014
1407330236deporte.JPG
Manel Fernández, concelleiro de Deportes, presentou hoxe o evento, primeiro destas características que se fai no municipio, e para iso estivo acompañado de Antonio Barreira, Pilar Costas e José Enrique Fernández, membros da Asociación Deportiva Galicia Máxica Trail Adventure, pertencente á Federación Galega de Montañismo.

Con douscentos inscritos a día de hoxe (a organización espera que se duplique a cifra final), o circuíto Galicia Máxica Trail Adventure fai a súa aparición en Vigo coa súa sexta e derradeira proba tralas do Río da Fraga (Moaña), Serra do Galiñeiro (Gondomar), Serra do Courel (Lugo) e Monte Pindo (A Coruña). Unha competición que leva catro anos organizándose e que nesta edición comezou en febreiro, achégase agora o monte Vixiador en Candeán.

Pero a principal novidade reside en que a carreira, con saída dende o camiño da Devesa, acarón da sede da Unión Cultural, Veciñal e Deportiva de Candeán, disputarase a partires de que caia o sol (22:00 horas), de aí a súa denominación como I Trail Nocturno do Vixiador. A competición subirá á Madroa, irá cara ao mirador do Vixiador e Vigozoo para irse ao parque forestal do monte e despois ás parroquias redondelanas de Cabeiro, Negros, Trasmañó e Cedeira. Discorrerá por pistas, carreiros e camiños rurais ao longo duns 21 quilómetros, tocando tamén o municipio de Redondela e seguindo unhas balizas que colocará a organización.

"As vistas nocturnas de Ría de Vigo, do Morrazo e de Rande dende o Vixiador son espectaculares", explica Barreira, que pensa en 400 atletas como un éxito pois "o trail sempre ten menos xente polas noites, porque aos deportistas dálles máis respecto". A proba rematará sobre as tres da madrugada para os menos rápidos. Os participantes, de 18 anos ou máis, irán provistos dunha luz frontal "para orientarse".

O edil de Deportes cominou á organización a pensar "e traballar xa na edición de 2015" e felicitouse porque "Vigo pecha o circuíto galego. Esta proba é unha máis das 250 que enchen o amplo calendario de actividades que a cidade rexistra ao longo do ano e que cada ano medra máis. Esta tamén ten a súa importancia e desenvólvese nun lugar con encanto e nunha contorna privilexiada", manifestou na rolda de prensa.

Co prazo de inscripción aberto ata este sábado 16 (20 euros a inscripción, que subirá 5 euros máis na semana final), no circuíto masculino puntuaron xa 936 atletas, fronte a 122 na categoría feminina. A inscripción faise vía internet (galiciamaxicatrail.com).

A organización, ademais, aporta un compoñente cultural extra en cada proba. No local da Asociación de Veciños de Candeán haberá o mesmo sábado, ás 19:30 horas, unha conferencia sobre arqueoloxía da zona impartida por Tito Concheiro e Xurxo Constenla.

Ademais da A.VV. de Candeán, colaboran no trail as comunidades de montes de Candeán, Teis, Cabeiro, Cedeira, Negros e Trasmañó.
Descargar todas as imaxes