Escoitar

O alcalde define a Copa Vigo de fútbol como "unha tradición que moi poucos poden exhibir"

O fútbol vigués ten o seu momento estelar coa Copa Vigo, o torneo máis vello de Galicia ao terse iniciado en 1933. Directivos e futbolistas arrouparon ao alcalde da cidade, Abel Caballero, e ao concelleiro de Deportes, Manel Fernández, na presentación do evento, que o rexedor definiu como "unha tradición que moi poucos poden exhibir no mundo. Oitenta e un anos de Copa Vigo é unha forma de entender o fútbol e o deporte na cidade de Vigo".

martes, 3 xuñ 2014
1401800422copavigo.JPG
O alcalde felicitou aos clubs por competir nun campionato tan "tradicional" baixo a organización da delegación viguesa da Federación Galega de Fútbol, representada no acto polo seu delegado, Enrique González.

Precisamente ao ente federativo dedicoulle o xefe do goberno vigués o segundo piropo ao reivindicar o fútbol local como "seguramente unha das zonas de organización máis importantes de España, e de Galicia por suposto. Merece unha mención especial porque case ningunha en España é capaz de facer o que nós. Aquí hai máis fútbol e máis organización".

Para o alcalde, o torneo copeiro, que se atopa en semifinais, "é un referente do fútbol modesto". Dezanove equipos masculinos das tres categorías rexionais (Primeira, Segunda e Terceira Autonómica) e oito femininos de Liga Nacional e Liga Galega iniciaron a súa andaina en maio.

O alcalde amosouse especialmente ledo polo feito de que xa non exista só torneo masculino. "Quixemos empezar a Copa Vigo de fútbol feminino, xa levamos dous anos... e os que sigamos celebraremos os 50 anos da Copa feminina, porque antes non me botades", dixo cun amplo sorriso e dando unha pequena tregua á seriedade da rolda de prensa. Para rematar a súa intervención, Caballero non dubidou en ofrecer a súa homenaxe "a todos os clubs e que gañe o mellor".

González Guenaga, por parte federativa, explicou que o apoio municipal nas dúas últimas edicións foi decisivo: "Co patrocinio da Concellería de Deportes, axuda e agarimo, o Concello provocou que melloremos bastante o torneo".

O federativo manifestou que este torneo de eliminatorias a partido único é "unha competición arraigada en Vigo e en Galicia non hai ningunha outra que se lle achegue", para declarar que outro aliciente claro é "a ilusión dos xogadores de competir en Balaídos algún día; a súa ilusión é disputar unha final de Copa Vigo nese estadio, se gañe ou se perda, e poder dicir aos seus familiares e amigos 'eu xoguei unha final en Balaídos".

O torneo entrou esta semana na súa fase decisiva. Ás semifinais chegaron en categoría masculina Alertanavia e La Guía por unha banda do cadro e C.D. Teis e San Esteban de Beade pola outra. O venres, o Municipal Pahiño (Navia) será escenario dun cruzamento con participación do vixente campión, Alertanavia, que ademais acaba de ascender a Preferente Sur; o outro choque xogarase o xoves ás 21:00 horas no campo da Guía entre o Teis e o San Esteban, que acaba de ascender a Primeira Autonómica.

En categoría feminina voaron respecto da masculina e El Olivo A, vixente campión, xa está na final. O seu segundo equipo, El Olivo B, xoga este xoves no campo do Sárdoma a segunda semifinal (20:45). O Sárdoma foi finalista o ano pasado, na primeira edición da versión feminina do torneo.

A Federación Galega de Fútbol e o Concello anunciaron as finais feminina e masculina para o 14 de xuño, sábado, en Balaídos. Como o ano pasado, o Concello mantén o premio económico para os catro finalistas, unha idea deste goberno municipal. Nas dúas finais haberá 1.000 euros para o equipo campión e 500 euros para o subcampión.
Descargar todas as imaxes