Escoitar

O alcalde presenta un orzamento de 228 millóns "envorcado no emprego e na política de benestar"

Caballero indicou que entregará mañá mércores á oposición unhas contas que manteñen o gasto total de 2013, contemplan 11 millóns de investimentos e incrementan un 11,75% as partidas de protección social, ata os 19,2 millóns. O Concello adica 5,3 millóns a emprego, recupera as subvencións para voos e as bolsas de inglés, inclúe 228.000 euros para o proxecto Cíes Patrimonio da Humanidade e destina 2 millóns para cheques sociais de aluguer, de alimentos e carencia enerxética das familias.

martes, 11 feb 2014
1392123852alcalde4.jpg
O alcalde salientou que é posible manter o nivel de gasto social, de emprego, cultural e deportivo grazas á "boa xestión" realizada "nos últimos seis anos", incluíndo o plan de amortización de débeda do Concello, que permite rebaixar o coste da débeda municipal en 3,5 millóns de euros. Caballero censurou que a Xunta de Galicia incrementa o coste de SOGAMA en 2 millóns e o Goberno de España transferiu ao Concello 2,6 millóns menos que en 2013.

O rexedor valorou como "francamente bo" o proxecto de orzamentos elaborado, que será trasladado aos grupos da oposición mañá mércores, cunha cuantía que se eleva ata os 228 millóns, a mesma cifra que o pasado ano; un documento que significa a "potenciación do emprego", con 5,3 millóns no departamento e máis de 4,5 millóns para creación directa de postos de traballo.

As partidas para promoción e protección social se ven incrementadas nun 11,75% sobre o pasado exercicio e ascenden a 19,2 millóns, dous millóns máis que en 2013. Caballero salientou a creación de tres cheques sociais para persoas sen recursos por valor de 2 millóns de euros: 600.000 euros para aluguer, 700.000 euros para alimentos e outros 700.000 euros para carencia enerxética. "Non queremos que ninguén en Vigo que quede sen vivenda, sen comida, sen luz e sen calefacción", aseverou o alcalde.

Abel Caballero salientou que apoio municipal en bens públicos de carácter social (educación, cultura, deportes...) supera os 34,3 millóns, un 5,63% máis que no 2013. Para os bens de carácter económico (comercio, turismo, transporte...), o goberno de Vigo eleva un 5,8% o apoio, ata os 15,2 millóns.

As contas municipais recuperan as bolsas de inglés para estudantes, con 780.000 euros, e a subvención a compañías aéreas, con 670.000 euros que contemplan a anualidade do acordo coa baixo coste Volotea. O Concello incrementa ata os 1,8 millóns as bolsas de comedor e libros escolares, un 9% máis que en 2013, e incorpora 228.000 euros para iniciar a campaña de designación das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade.

Caballero indicou que o Concello investirá 11 millóns das contas de 2014, incluindo a reparación do cemiterio de Teis, humanizacións por 6,2 millóns de euros, máis dun millón para Parques e Xardíns, a rehabilitación da Casa Patín con medio millón, a finalización da nova escola infantil de Navia, medio millón para mellorar os campos de fútbol, 700.000 euros para a modernización dos mercados do Berbés e do Progreso, e máis de 200.000 euros para a nova oficina municipal de distrito da Miñoca. A estes 11 millóns de investimentos se suman 5,9 do superávit, 4,1 millóns de Aqualia e 2,8 millóns pendentes de 2013. En total a cidade contará cun investimento para 2014 superior a 20 millóns de euros.
Descargar todas as imaxes