Escoitar

Presuntos Implicados actuará no concerto benéfico de Madro

mércores, 11 dec 2002
imx2118.jpg
Presentación
A Concellería de Festas patrocina o concerto de Nadal en beneficio da Asociación de Madres de Drogodependentes (Madro) que se celebrará o 16 de decembro ás 21:30 no Centro Cultural Caixanova. Actuarán Presuntos Implicados e Carmen París nun espectáculo único. As entradas, con prezos de 6 a 12 euros, poden adquirirse en El Corte Inglés.

Soledad, Juan Luis e Nacho, integrantes de Presuntos Implicados, ofrecerán en directo un concerto acústico no que interpretarán sete dos temas máis coñecidos da banda incluídos no recentemente editado álbum recompilatorio ”Selección natural” no que se poden encontrar os grandes éxitos de dúas décadas de traballo.

A artista teloneira Carmen París estará acompañada ao piano por un dos seus músicos habituais. Este valor en alza actuou na pasada edición das Noites Temáticas.

A ONG beneficiaria da recadación deste concerto, Madro, centra os seus esforzos en conseguir a rehabilitación e reincorporación social de drogodependentes. Desenvolve programas destinados a ofrecer información, apoio, asesoramento e recursos, obradoiros de educación para a saúde, escola de pais e grupos de autoapoio. Ademais, presta un servicio de atención xurídica a drogodependentes, atención no cárcere, piso terapéutico para mulleres, programas de emerxencia social e de dispensación de metadona.

Este evento está organizado polo grupo Radio Vigo que programa, cada ano, un concerto benéfico con artistas de primeira fila para destinar a recadación a unha ONG de ámbito local.
Descargar todas as imaxes