Escoitar

Últimos días da exposición ‘A BALEA NEGRA’ no MARCO

Este domingo 31 de marzo clausúrase nas salas da planta baixa do MARCO a exposición ‘A BALEA NEGRA’, a mostra conmemorativa do seu 10º Aniversario. Un proxecto expositivo que toma como punto de partida a crise provocada polo accidente do buque Prestige o 13 de novembro de 2002, o mesmo día que se inauguraba o MARCO, para documentar e rememorar aqueles días convulsos e para abordar algunhas das cuestións máis incitantes do noso tempo: a explotación da natureza, o legado do colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización, os movementos sociais ou a guerra.

mércores, 27 mar 2013
1364391300marco21.jpg
A exposición está concibida en varios eixes temáticos que se van entrecruzando nos espazos da planta baixa, e combina abundante material documental — prensa, fotografías, obxectos, testemuños, vídeos, pezas gráficas…— con máis de cincuenta propostas artísticas en diversos soportes, dende pezas históricas ata obras máis recentes de pintura, fotografía, escultura, vídeo, cinema, debuxo, e instalacións.

Ademais da presenza das obras en salas, ao longo dos seis meses que estivo aberta ao público, ‘A BALEA NEGRA’ serviu como punto de partida para un conxunto de actividades paralelas, entre as que destacan o programa educativo ‘Misión balea (acción!)’ dirixido a escolares e público familiar; as charlas-visitas comentadas organizadas dende a Agrupación de Amigos do MARCO, guiadas polo comisario e por persoas vinculadas aos contidos da mostra; e en especial a celebración do 10º Aniversario en novembro, con actividades como a actuación en salas do Obradoiro Vocal ‘A Vila’ de Ponteareas, a conferencia da activista Mavis Müller, ou a proxección do documental Marea Blanca, de Isabel Coixet. Ademais, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO presentou unha exposición bibliográfica e dixital con selección de publicacións e catálogos en relación co afundimento do Prestige, e selección de catálogos individuais e colectivos dos artistas en exposición.
Descargar todas as imaxes