Escoitar

O Concello contrata o servizo de teleasistencia por seis meses mentres tramita o concurso público

O alcalde informou este luns da contratación deste servizo que atende a case 600 vigueses, un procedemento de urxencia por seis meses prorrogables mentres o goberno local ultima a tramitación para a adxudicación do mesmo por concurso público.

luns, 11 mar 2013
Abel Caballero deu conta este luns dos asuntos abordados nunha Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada o pasado venres, sesión na que se deu luz verde á contratación pola vía de urxencia do servizo de teleasistencia, que en Vigo beneficia a case 600 usuarios.

A contratación -por 62.400 euros- aprobada polo goberno de Vigo é por seis meses de duración, prorrogables de ser preciso por outros seis, unha opción que Abel Caballero non ve necesaria ao entender que para entón o concurso público estará resolto. O obxectivo municipal é ter adxudicada a prestación da teleasistencia para que poida comezar a traballar a empresa gañadora do concurso tan pronto remate o contrato rubricado de urxencia.

Subvencións
Ante os medios de comunicación, Abel Caballero informou das ordes de pago de case 300.000 euros para entidades de carácter social, cultural e deportivo. Do total, 115.000 euros van destinados a asocacións como Érguete, Xordos de Vigo, Agarimo e o Instituto de Estudios Vigueses, entre outros.

Máis de 177.000 euros perciben pola súa banda clubs deportivos da cidade, como o Coruxo Club de Fútbol, El Olivo, Vigo Volei e o Bosco. Esta cantidade forma parte do millón de euros que adica este ano o Concello de Vigo para as entidades deportivas de élite e o deporte de base.