Escoitar

Visitas Guiadas á exposición "Mesa de traballo" na Fundación Laxeiro de Vigo

A Fundación Laxeiro, en colaboración coa Oficina Municipal do Voluntariado, comeza as visitas guiadas á exposición temporal titulada "Mesa de traballo. Ensamblaxe e colaxe en Galicia", que se pode visitar ata o 28 de abril. Artistas participantes: Colin Baldwin, Misha Bies Golas, Luis Bueno, Tono Carbajo, Samuel Castro, María Chenut, Rosendo Cid, Santiago Mayo, Rosa Úbeda, Xosé Carlos Barros, Miguel Mosquera, Pablo Orza, Pelucas, Enrique Saavedra, Teo Soriano

martes, 5 mar 2013
1362486425visitalaxeiro1.jpg
Formada por obras de 15 artistas que habitualmente traballan coa ensamblaxe e o colaxe en Galicia, a exposición fai unha revisión desta disciplina en Galicia, nos últimos 15 anos, conformando unha proposta heteroxénea na que se poden ver obras netamente conceptuais, obras formalistas ou pezas narrativas, todas elas realizadas nun marco de hibridación de linguaxes e materiais que abranguen a instalación, a pintura, o debuxo e a escultura, sempre dentro dos parámetros da reutilización de materiais de orixe diversa, a patir dos que os quince artistas propoñen obras que, no seu conxunto, dota a exposición dun acusado eclecticismo. Visitar a exposición cun guía que explica o proxecto e o universo creativo de cada un dos artistas, resulta moi ilustrativo á hora de abordar traballos tan diferentes que conflúen no proceso utilizado.

Servizo de visitas guiadas

Este é un servizo gratuíto permanentemente aberto pola Fundación Laxeiro para grupos que queiran participar, ben uníndose ás datas xa programadas ou propoñendo outras datas novas.

O pasado mércores, 27 de febreiro comezaron as visitas os alumnos e alumnas de pintura da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo.

Hai catro datas programadas para o mes de marzo:

Martes, 5 de marzo. 11.00h. Consello da Oficina Municipal do Voluntariado.
Venres, 7 de marzo. 18.45h. Membros do grupo de Voluntariado Municipal
Martes, 12 de marzo. 18.45h. Membros do grupo de Voluntariado Municipal
Venres, 15 de marzo. 18.30h. Banco do Tempo.

As persoas que queiran participar neste programa, deben poñerse en contacto coa Fundación Laxeiro no teléfono: 986-43 84 75 (en horario de 10.00h a 14.00h) ou na dirección electrónica: fundacion@laxeiro.es
Descargar todas as imaxes