Escoitar

O Concello achega este ano 55.000 euros ao Banco de Alimentos e incrementará a partida en 2013

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou este martes que o goberno local aportou 55.000 euros en 2012 ao Banco de Alimentos para sufragar a súa actividade e os custos do local. De cara ao próximo ano, a entidade cambiará a súa sede e o Concello incrementará a súa achega para financiar o aluguer.

martes, 11 dec 2012
1355230622convenios.JPG
Caballero, con responsables de Anhida
Abel Caballero deu conta dunha reunión da Xunta de Goberno Local celebrada onte e na que aprobouse a concesión de 12.000 euros con cargo ao departamento municipal de Participación Cidadá para pagar o aluguer e mantemento do local do Banco de Alimentos, unha cantidade á que se suman os 43.000 euros achegados desde a Concellería de Política de Benestar.

Segundo explicou o alcalde, o Banco de Alimentos mudará a súa sede de cara ao próximo ano para gañar espazo, polo que a aportación do Concello ascenderá de 12.000 a 20.000 euros, véndose incrementada a achega total que a entidade percibe desde o Concello de Vigo.

Convenios
Na Xunta de Goberno, segundo informou Caballero, validáronse outros acordos de colaboración, como os suscritos cos tres sindicatos maioritarios -por 15.000 euros cada un- para apoiar a súa actividade. O goberno de Vigo decidiu asemade conceder 4.000 euros á Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais, FEAFES, para respaldar o seu traballo en defensa dos intereses do colectivo e na esixencia da axeitada atención sanitaria e social dos afectados.

Na xornada deste martes, Abel Caballero rubricou sendos convenios coa Asociación de Nenos con Hiperactividade e Déficit de Atención (ANHIDA), con 4.000 euros de aportación para colaborar na súa laboura, e coa Asociación de Viúvas Democráticas, por valor de 1.000 euros.

En materia de emprego, o alcalde asinou esta mañá un novo convenio no marco do Plan Municipal de Emprego, desta volta coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FOANPAS). O Concello entrega 19.200 euros para axudar á contratación de tres profesionais que imparten actividades extraescolares de balde en todos os colexios da cidade. En acordos bilaterais coma este, o goberno de Vigo inviste en 2012 un total de 2,4 millóns para a empregabilidade de 350 persoas.
Descargar todas as imaxes