Escoitar
Proxección do documental Jazz en Liberdade e recital de Eva Veiga, entre outras propostas

Cine, poesía e jazz nos clubs completan a programación do 7º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons

Tras a presentación dos concertos do sétimo Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons péchase agora o programa completo de actividades con poesía, cine e o circuíto de música nos clubs. Do 17 ao 25 de xuño desenvólvese a programación que arrancará coa participación das escolas de música e o concerto no Centro Cultural Novacaixagalicia do contrabaixista Avishai Cohen (17 xuño, 22.30h). Durante os nove días de festival ademais proxectarase o documental Jazz en liberdade, do realizador Xes Chapela, un espectáculo poético-musical protagonizado pola escritora Eva Veiga e a programación Jazz na Noite que levará a música en horario nocturno aos clubs da cidade.

luns, 13 xuñ 2011
1307969619imaxinasons2011.jpg
Gabriel Peso Trío, Marosa Jazz Project, a asociación cultural Cumbe, Patricia Moon e Julie Guravich & Víctor Aneiros Band son os grupos que protagonizan este ano o programa Jazz na Noite que chega aos clubs Xancarajazz, Contrabajo e Quomo. A programación dos clubs nesta sétima edición inclúe a presenza de dúas voces de muller; a da violinista viguesa Patricia Moon, chegada de
Berklee (EEUU) onde aproveita dunha bolsa de estudos musicais e a da cantante canadiana afincada en Ferrol Julie Guravich, arroupada pola banda do guitarrista Víctor Aneiros. O mapa galego de Jazz na Noite complétase con Gabriel Peso Trío e a proposta de jam latina que trae a asociación Cumbe, ambos grupos desde A Coruña, e por Marosa Jazz Project, unha formación de Burela que trae a Vigo a escena jazz da Mariña de Lugo.

Imaxina Sons programa unha proposta de poesía e música para o luns 20 de xuño a partir das 19h na Casa do Libro, que este ano incorpórase á rede de espazos do festival. A poeta Eva Veiga e o clarinetista e percusionista Bernardo Martínez presentan un recital ao redor de Cirlot, poeta e músico catalán vinculado co surrealismo. Así mesmo o MARCO acollerá o xoves 23 de xuño a partir das 19.30h a proxección do documental Jazz en liberdade de Xes Chapela, que trata de cómo a vila de Cangas converteuse nun fervedoiro de jazz a finais dos anos setenta e primeiros oitenta. Jazz en liberdade conseguiu o premio á mellor longametraxe documental nos Premios Mestre Mateo entregados en 2011.

Recordámosvos que Imaxina Sons conta con actividades de entrada libre e actividades de pago. Os concertos de pago son os de Avishai Cohen "Seven Seas" (17 xuño, 22, 30h) e John Taylor (25 xuño, 21 h) no Centro Cultural Novacaixagalicia (Policarpo Sanz, 13); Sidsel Endresen (20 xuño, 20,30h ), Cellos. Ulrich Mitzlaff / Miguel Mira (21 xuño, 20,30h) e Piccola Orchestra Gagarin (22 xuño, 20,30h), no MARCO (Príncipe, 54); e, por último, LUME (Lisbon Underground Music Ensemble (22 xuño, 22h), Xan Campos Trío (23 xuño, 21,30h) e Nils Petter Molvaer (24 xuño, 21,30h), no Auditorio Municipal (Praza do Rei, 1). As entradas poden mercarse xa no servizo de venda de entradas de Novacaixagalicia ((www.servinova.com e tel. 902 504 500) e tamén na Central de Espectáculos de Vigo (Velázquez Moreno, 26) de luns a sábados non festivos de 10h a 13h e de 17h a 20h. As entradas teñen un custe adicional de distribución na venda anticipada de 0,75€.
Descargar todas as imaxes