Escoitar

Unha delegación da rexión alemá de Osnabrük visita Vigo para a organización de intercambios<br /> de estudantes entre os dous países

O Instituto Politécnico de Vigo está inmerso en varias actividades europeas, entre elas, e coa colaboración da concellería de Educación do Concello de Vigo, estase desenvolvendo un Proxecto Comenius Regio, cofinanciado pola Unión Europea. O Concello de Vigo e o goberno do Landkreis Osnabrück, constitúen os socios principais deste proxecto, que ten como obxectivo preparar a realización de futuros intercambios de alumnos coa cidade alemá de Osnabrück.

luns, 6 xuñ 2011
Entre os días 6 e 10 de xuño, unha delegación da rexión alemá visita Vigo. O martes 7 serán recibidas, pola concelleira en funcións de Educación, Laura López Atrio, as delegacións alemá e viguesa; por parte alemá, acoden representantes do goberno do Landkreis Osnabrück, da Universidade e de institutos desa rexión; por parte viguesa, representantes do IES Politécnico, da Asociación de Pais e Nais dese Centro, do Club Deportivo Galego de Kinball e do Servizo municipal de Educación.

Esta visita responde á realizada a Osnabrück no mes de xaneiro pola delegación de Vigo. Nestes días de estancia na nosa cidade, a delegación alemá realizará visitas a empresas da contorna e ao campus universitario.

Durante os encontros de traballo entre ámbalas dúas representacións, establécense os acordos para permitir o intercambio de alumnos entre ambas as cidades. Unha vez finalizado este proxecto, calquera centro de Vigo poderá realizar intercambios organizados con centros de Osnabrück.

No entanto, o Instituto Politécnico xa está realizando actividades con esta cidade alemá, enviando aos seus alumnos de ciclos formativos a realizar as prácticas en empresas, e aos seus alumnos de bacharelato a realizar intercambios cos alumnos alemáns. Así, o próximo día 24 partirán para Hamburgo un grupo de alumnos de bacharelato.