Escoitar

Xabier Alonso di que "a sociedade ten que visualizar o traballo de canteira co exemplo do Seis do Nadal"

Xabier Alonso, concelleiro de Deportes en funcións, recibiu hoxe no Concello ao Balonmán Seis do Nadal-Coia, que a pasada fin de semana disputou a fase final do Campionato de España xuvenil masculino de balonmán.

mércores, 1 xuñ 2011
1306847560IMG_0323.JPG
Por vez primeira, un equipo galego acadou o podio en categoría xuvenil nun campionato estatal de clubs. O concelleiro felicitou aos xogadores "pola experiencia vivida" e advertiu que "a sociedade ten que visualizar que os méritos deportivos non están só nos clubs de elite, nin no talonario ou os xogadores estranxeiros", senón no traballo nas categorías inferiores.

Para o concelleiro, que "un grupo de amigos que practica bo balonmán" consiga estes éxitos "é un valor engadido. Este é un traballo de moito tempo e de moita xente", dixo. E felicitou ao club vigués "por crear base e estrutura social no barrio de Coia a través do deporte".

Antón Piñeiro, presidente do club, agradeceu o apoio dos medios de comunicación e do Concello e asegurou sentirse "moi orgulloso do traballo que fixemos porque representamos de forma notable á cidade". Para el, o primeiro obxectivo do Seis Nadal, tanto o de balonmán como o de baloncesto, "é facer sociedade, o que é fundamental".

O Seis do Nadal-Coia perdeu en Elxe diante do equipo local (40-30), que foi o campión, e do Barça (30-29), rematando terceiro a nivel estatal. Para o ano, once xogadores pasan xa á categoría senior.
Descargar todas as imaxes

Máis información