Escoitar

O Concello formará gratuitamente a 64 cidadáns no uso do DNI electrónico

O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, anunciou hoxe martes esta iniciativa que leva adiante o seu departamento, pola que formará desde a próxima semana nos catro centros cívicos -en turnos de mañá e tarde- á cidadanía interesada en coñecer os conceptos básicos e os usos do DNI electrónico. A inscripción será cuberta por orde de chamada no teléfono 010 e os participantes recibirán gratuitamente un lector. "Cremos que é unha boa medida para que os cidadáns fagan uso das novas tecnoloxías", asegurou o edil.

martes, 19 out 2010
1287493415dni.jpg
O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, anunciou este martes que o seu departamento formará gratuitamente a 64 cidadáns de Vigo no uso do DNI electrónico.

De cara á "modernización da administración", Santos Héctor explicou que a cidadanía demanda información e formación sobre o emprego desta nova tecnoloxía na súa relación coa administración, pero tamén existe descoñecemento sobre o seu uso. Para dar resposta, o Concello xa distribuiu de balde 1.000 lectores e agora pon en marcha un programa de "formación práctica" ao efecto.

Os cursos impartiranse nos catro centros cívicos de Vigo, en turnos de mañá (de 10 a 12h) e de tarde (de 18 a 20h), durante tres xornadas consecutivas. A inscripción debe realizarse a través do teléfono gratuito 010, e as prazas cubriranse segundo orde de chamada. Os que desexen apuntarse deben ser vigueses e posuír o DNI electrónico e recibirán co curso un lector USB.

O primeiro curso en comezar impartirase no Centro Cívico de Coruxo aos días 25, 26 e 27 de outubro. Tras este chegará o turno do de Teis (2, 3 e 4 de novembro), o de Saiáns (8, 9 e 10 do mesmo mes) e finalmente o do Casco Vello (17, 18 e 19 do próximo mes).

Santos Héctor animou á cidadanía a formarse nas novas tecnoloxías e recordou que o Concello de Vigo, mediante a súa páxina web, permite realizar numerosos trámites co DNI electrónico, como pagos, solicitud do padrón ou consulta de expedientes, entre outros. "Cremos que é unha boa medida para que os cidadáns fagan uso das novas tecnoloxías", concluíu.
Descargar todas as imaxes