Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o actor Luis Tosar promocionará na súa actividade o Casco Vello como embaixador honorífico

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este xoves que o actor Luis Tosar será o embaixador honorífico do Casco Vello de Vigo. O nomeamento será refrendado no pleno da corporación municipal do vindeiro luns. O nacionalista destacou que esta iniciativa complementa o conxunto de medidas que se están a desenvolver na "aposta decidida por recuperar o Casco Vello" e que ten por obxectivo a súa promoción fóra da cidade.

xoves, 27 mai 2010
1274973898Tosar.JPG
"A partir de agora imos ter un gran representante internacional, xa que nos eventos nos que Luis Tosar participe e sexa posible vai levar sempre a referencia do Casco Vello vigués", salientou o tenente de alcalde. Tamén dixo que, sempre que a súa axenda o permita, participará nos actos promocionais que desenvolva o Concello. Explicou, por outra banda, que este título de embaixador honorífico do Casco Vello non ten ningún tipo de contrapartida económica, senón que Luis Tosar a acepta "de xeito desinteresado, o cal é de agradecer", afirmou.

O tenente de alcalde sinalou que a recuperación do Casco Vello está acadada nun 80%, pero que é preciso seguir dando pasos para conseguir que o barrio histórico de Vigo "se convirta nun polo de atracción e que a súa imaxe sexa un referente fóra da cidade".

Para acadar o obxectivo de rehabilitar o Casco Vello, Santi Domínguez lembrou que se teñen acometido diversas actuacións, como a mellora das rúas, a renovación do saneamento, a mellora do alumeado, a elaboración de plans de mobilidade, de ornamentación, así como a posta en marcha de plans de dinamización. "Pero é preciso ir máis alá, e para iso necesitamos buscar algo ou alguén que poda ser un icono do Casco Vello vigués", apuntou.

"Aínda que Luis Tosar é de Cospeito, está moi vencellado á cidade con boa parte da súa vida cinematográfica", explicou o tentente de alcalde, que mencionou películas como Lena ou Os luns ao sol. Desvelou que tras unha conversa mantida co actor, na que tamén participou o concelleiro de Cultura, o actor manifestou a súa enteira predisposición e que estaría "encantado" de ser a persoa que a partir do luns difundirá a imaxe do Casco Vello de Vigo por todo o mundo. Santi Domínguez adiantou que Luis Tosar viará a Vigo a recoller este nomeamento en canto a súa axenda o permita.
Descargar todas as imaxes