Escoitar

Iolanda Veloso reforza o convenio coa asociación Dorna para potenciar os servizos de información ás mulleres

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, asinou este mércores unha nova edición do convenio coa asociación Dorna, que ascende a 19.000 euros. Tras a sinatura, na que participou a responsable da entidade Aurita González, a concelleira do BNG destacou que o seu obxectivo consiste en potenciar os servizos de información ás mulleres que desenvolve a asociación e fomentar a descentralización dos servizos que ofrece a administración.

mércores, 26 mai 2010
1274889924Dorna.JPG
Iolanda Veloso salientou o traballo que desenvolve a asociación dende a súa creación hai máis de 25 anos no barrio de Coia. Na súa intervención sinalou que entre os obxectivos de Dorna figura dar resposta ás necesidades demandadas pola mulleres da zona e favorecer a integración igualitaria da muller na sociedade. "Este ano, pese a crise, decidimos manter ou incrementar os convenios, pero en ningún caso reducilos", asegurou.

A concelleira de Igualdade indicou asemade que a maior parte das persoas que solicitan información nesta entidade son mulleres nunha situación difícil con menores ao seu cargo. "Pretendemos seguir tendo este punto de información dispoñible porque sabemos que ás veces é difícil chegar ás mulleres que se atopan nunha situación complicada", explicou.

Por outra banda, Iolanda Veloso fixo referencia ás actividades que desenvolve a asociación, como o obradoiro de creatividade que tivo lugar o ano pasado destinado ás mulleres para axudalas a expresarse. Sinalou que tras a celebración do curso foi posible comprobar a calidade dos relatos feitos por mulleres que incialmente aseguraban que non serían capaces de realizalos. "O obradoiro servíu para reforzar ás mulleres e establecer relacións sociais, algo que ás veces resulta difícil", comentou.

"Todas cremos que non somos capaces e cando nos poñemos somos capaces de moitísimas cousas", sinalou a responsable de Dorna ao respecto. Finalmente, expresou o seu agradecemento á concelleira de Igualdade, polo apoio á entidade.
Descargar todas as imaxes