Escoitar

O Gabinete de Accesibilidade aproba varias campañas de sensibilización

martes, 30 abr 2002
O Gabinete Técnico de Accesibilidade acordou, na xuntanza celebrada hoxe, a celebración das campañas ”De Boa Man” e ”Conductor Solidario” encamiñadas á sensibilización para a accesibilidade das persoas con discapacidade. O Gabinete está formado polos concelleiros de Benestar Social, Vías e Obras, Parques e Xardíns, Urbanismo e Tráfico, técnicos municipais destas concellerías e representantes de 21 asociacións de discapacitados.

A campaña “DE BOA MAN” consiste na exposición e venda de productos realizados por persoas discapacitadas, que se celebrará os vindeiros días 29, 30 e 31 de maio, na rúa Príncipe, en colaboración coa Obra Social de Caixagalicia e a Asociación de Comerciantes de Príncipe.

O Gabinete informou do convenio que se está a tramitar de Obras de Accesibilidade entre o IMSERSO –FUNDACIÓN ONCE – FEDER – Concello Vigo, polo que se acometerá a primeira fase do Plan de Accesibilidade no entorno da plaza de Compostela: O convenio contará, con toda posibilidade, con financiación da Consellería de Asuntos Sociais e a Zona Franca.

Na xuntanza de hoxe acordouse a realización dunha campaña de sensibilización para a accesibilidade que se realizará en colaboración coa Obra Social de Caixanova e incidirase, nun primeiro momento, sobre a poboación xeral no tema de aparcamento. Neste sentido realizarase a campaña “conductor solidario”. Na segunda etapa realizarase o traballo nos centros escolares e, paralelamente, mesas de traballo cos colexios de profesionais máis implicados – arquitectos, aparelladores, enxeñeiros, médicos, medios de comunicación -, así como universitarios, autoescolas, etc.

O concelleiro de Tráfico informou que se ampliará sen custe adicional o horario do bus adaptado ó sábado pola mañá, e se está a negociar unha maior ampliación. En canto ó taxi adaptado, estase pendente do modelo de vehículo a subvencionar por parte da empresa da Fundación Once que o xestiona.