Escoitar
A metade dos usuarios non teñen acceso a internet desde a súa casa

Os sete cíber-postos da Concellería de Xuventude reciben 1.500 consultas mensuais

martes, 23 abr 2002
imx1326.jpg
Local da rúa Uruguai
Unhas 1.500 consultas prodúcense cada mes nos sete postos de acceso gratuíto a internet que a Concellería de Xuventude pon á disposición dos mozos e mozas. Son 300 os mozos e mozas que dispoñen de carné para realizar estas consultas cun límite de 45 minutos diarios.

As estatísticas revelan que case a metade dos usuarios non teñen posibilidades de acceder a internet desde a súa casa. A información sobre emprego é unha das mais solicitadas, xunto a relativa a actividades de lecer, cursos de todo tipo ou bolsas estudiantís. Outra das utilidades máis demandadas é o correo electrónico que, en moitos casos, se aproveita para enviar currículos profesionais. A vivenda e o transporte son outras áreas das que extraen información.

Ademais, os técnicos da concellería elaboraron un directorio de webs de interese xuvenil.

Os sete postos foron habilitados polo Concello na Casa da Xuventude e na rúa Uruguai, 9. Concretamente, hai catro en López Mora e tres no céntrico local recentemente inaugurado.

Os obxectivos fundamentais son completar a información que se facilita nos servicios municipais xuvenís e que van desde as actividades de lecer ao emprego e outros asesoramentos de interese para esa franxa de idade. Outra finalidade importante é achegarlles as novas tecnoloxías ós rapaces e rapazas e rapazas, xa que moitos non teñen posibilidade de acceso desde outros lugares.

Os rapaces e rapazas contan con asesoramento na súa navegación por internet do persoal da Concellería da Xuventude.

Asimesmo, poden utilizar o procesador de textos Word e imprimir documentos segundo determinadas condicións. O que non está permitido é chatear nin a instalación e execución de programas nos equipos do servicio. Tamén está prohibida a gravación de ficheiros no disco duro de cada ordenador.


O novo local da rúa Uruguai descentraliza os servicios que ofrece a Concellería de Xuventude

Os colectivos xuvenís dispoñen de dous espacios para as súas actividades e reunións

A Concellería de Xuventude profundiza na dinamización de programas destinados ó colectivo xove do municipio de Vigo coa apertura dun novo local na rúa Uruguai, 9. Desde o pasado venres, dous técnicos municipais están neste espacio que descentraliza servicios que ata o momento só se ofrecían na Casa da Xuventude. O Concello pretende fomenta-la participación dos mozos e mozas ofrecéndolles un novo marco de colaboración e de intercambio.

Con este novo local os colectivos xuvenís da cidade disporán de dous espacios para as súas actividades. O Concello quere, deste xeito, ofrecerlles recursos ós xoves, que terán espacios para reunión, intercambio e relación. Estes contactos favorecerán o afortalamento do tecido asociativo xuvenil da cidade.

O local da rúa Uruguai contará cun segundo punto de información no que se asesorará e orientará sobre todos aqueles temas de interese xuvenil. O espacio conta cun fondo de documentación para acadar unha función o máis adaptada posible ás expectativas particulares de cada xove.

Revistas culturais, musicais, de voluntariado e bandas deseñadas son algunhas publicacións que os rapaces e rapazas poderán consultar. Como na Casa da Xuventude, haberá un servicio de acceso gratuíto a internet. Os mozos e mozas poderán utilizar tres equipos informáticos dentro do horario do centro Xuvenil (luns, mércores e venres, de 18.00 a 21.00 horas).

Na posta en marcha deste local destaca a participación de Samuel, Pou, Rodrigo e Borja, catro artistas graffiteiros que firman os murales que decoran o exterior e o interior do recinto.
Descargar todas as imaxes