Escoitar

Benestar Social colabora nunha conferencia sobre a busca de alternativas á violencia

martes, 23 abr 2002
A Concellería de Benestar Social colabora na charla-coloquio ”Propostas creativas para desenvolver a tenrura ou como crear xuntos alternativas á violencia” organizada pola Asociación Cidadá para a Prevención da Violencia. A cita será o mércores, 24 de abril, no auditorio de Caixa Galicia ás 20:00 horas.

A conferenciante será Marta Iñíguez, traballadora no desenvolvemento da creatividade e da innovación en campos diversos. Realizou este labor en empresas e institucións relacionadas cos medios de comunicación, belas artes, arquitectura, artes escénicas e visuais, en formación do profesorado e en planos de desenvolvemento. Impatiu seminarios, cursos, obradoiros, conferencias e consultorías tanto en institucións públicas como privadas. Traballou en España, Arxentina, Bolivia, Colombia, Costa Rica, Cuba, Chile, Ecuador, EEUU, Francia, Italia, México, Perú, Portugal, Uruguai e Venezuela.

Esta conferencia é un dos actos organizados pola Asociación Cidadá para a Prevención da Violencia, que realiza accións de carácter preventivo, de tratamento e de rehabilitación. Informa sobre a orixe e desencadeamento das conductas violentas e promove unha maior sensibilización e concienciación da cidadanía con repecto a estes comportamentos mediante a organización de xornadas científicas, conferencias e coloquios.

Esta asociación é, ademais, un marco de encontro para a reflexión e o debate destes temas que propón alternativas non agresivas a estas conductas a partir de iniciativas e actuacións cidadás diversas.
Responde tamén a peticións de asesoramento doutras asociacións e ofrece gratuitamente asistencia terapéutica e de rehabilitación dirixida especialmente a persoas violentas de calquera idade e condición no seu centro psico-social, contando para isto cun equipo multidisciplinar.

A sede desta asociación está na rúa Velázquez Moreno, nº 9 (6º andar-oficina 15) Teléfono: 986 430 461.