Escoitar

Máis de 200 nadadores participarán no trofeo Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo

xoves, 18 abr 2002
imx1314.jpg
Moure, Domínguez, Raposeira e Meiriño
O concelleiro de Deportes, Santiago Domínguez, presentou o VI Trofeo de Natación ”Deputación de Pontevedra” e o Trofeo Especial ”Concello de Vigo” que se celebrará o sábado 20 de abril na piscina municipal das Travesas. No acto estiveron tamén David Raposeira, José Ramón Meiriño e Paco Moure.

Os mellores clubs de Galicia e Portugal participarán con 223 persoas nesta competición que contará con premios en metálico para os tres primeiros nadadores de cada categoría e para os clubs gañadores. Entregaranse 30 medallas, dous trofeos especiais ”Concello de Vigo” e 1.700 euros en recompensas individuais. Os relevistas recibirán 120 medallas, cinco trofeos da Deputación de Pontevedra, 15 trofeos conmemorativos e 2.700 euros en recompensas.

Santiago Domínguez destacou que é unha honra para o Concello de Vigo acoller e colaborar con este trofeo, dos máis importantes que se celebran en Galicia. ”É unha homenaxe ao Club Natación Galaico, organizador do evento, que pula pola natación na cidade a través do ensino deste deporte e servirá para promocionar e situar este labor no lugar que lle corresponde”, afirmou.

Domínguez animou aos vigueses a pasar pola piscina municipal das Travesas durante a celebración desta competición e aos nadadores a levar o nome de Vigo e da provincia alá onde compitan.

O Trofeo de Natación Deputación de Pontevedra é itinerante pola provincia e celebrouse en Lalín, Porriño, Pontevedra, Cangas e na Cañiza en anteriores edicións.

Horario

10:30 Quecemento
11:30 Inauguracion do Trofeo
11:40 Competición de probas individuais
13:15 Entrega de medallas e recompensas individuais
13:45 Comida de confraternidade deportiva para os nadadores participantes. Invitación do Concello de Vigo
16:00 Quecemento
17:00 Competición de probas por equipos (relevos)
18:30 Entrega medallas de relevos
18:45 Entrega trofeos e recompensas aos equipos
19:00 Clausura do trofeo

Instalarase por vez primeira un crono electrónico na piscina das Travesas que permitirá refrendar os resultados a nivel galego e estatal para os records.
Descargar todas as imaxes