Escoitar

O tenente de alcalde fai un chamamento á participación na Marcha Aspanaex do vindeiro domingo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez fixo hoxe un chamamento á participación na Marcha Aspanaex que terá lugar o vindeiro domingo, 25 de outubro, dende as 10.30 horas no parque de Castrelos. O nacionalista salientou que se trata dunha "marcha solidaria que ten que servir para que todos e todas nos sensibilicemos coas persoas con discapacidade intelectual".

mércores, 21 out 2009
1256130054marchaspanaex.jpg
Na presentación da marcha, na que tamén participaron a directora do colexio Aspanaex, Beatriz Macía, e o presidente da asociación, José Manuel Carballo, o nacionalista afirmou que o apoio prestado dende Tenencia de Alcaldía á celebración deste evento "é algo obrigado". Ao seu xuízo "aínda temos moito que avanzar na igualdade", polo que resulta fundamental o apoio das administracións. Finamente, o tenente de alcalde expresou os seus parabéns aos organizadores polo seu traballo.

"Quero agradecer á Tenencia de Alcaldía o seu apoio e colaborción por permitirnos realizar no Concello esta presentación", manifestou o presidente da asociación Aspanaex, José Manuel Carballo. Explicou que é unha "carreira simbólica" que quere reforzar os obxectivos da integración social deste colectivo e mellorar calidade de vida das persoas con discapacidade e as súas familias, así como recabar fondos para poder manter os proxectos que leva a cabo a asociación. "Os nove kilómtros da marcha son nove kilómetros de razóns para traballar pola integración", salientou.

A presidenta do colexio Aspanaex, Beatriz Macía, explicou que uns minutos antes da saída, prevista ás 10.30 horas, lerá o pregón da marcha a actriz María Castro. Asemade, indicou que cada participante recibirá un agasallo, froito da colaboración con Tenencia de Alcaldía e o carné que o acredita como participante. Tras percorrer a avenida de Castrelos, Camelias, Venezuela, Gran Vía, Príncipe, Paseo de Alfonso e Fragoso, entre outras rúas, a chegada ao parque de Castrelos está prevista a partir das 13.00 horas, aproximadamente, tras a cal se fará unha entrega de premios. Os organizadores salientaron que haberá un autobús escoba para as persoas que non poidan realizar o percorrido completo.
Descargar todas as imaxes