Escoitar

Santi Domínguez destaca a celebración de Expogalaecia como ferramenta para dinamizar o sector turístico de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este mércores que a feira Expogalaecia é unha "útil ferramenta" para dinamizar e poñer en valor o sector turístico vigués. A feira, que se celebrará no IFEVI do 30 de outubro ao 1 de novembro, contará coa participación de máis de cen expositores tanto galegos como internacionais, que representan a preto de 500 entidades públicas e privadas.

mércores, 21 out 2009
1256129904expogalaecia09.jpg
O nacionalista afirmou que o turismo é "unha actividade estratéxica" para nosa cidade e, por iso, desde a Concellería de Turismo estase traballando para articular os mecanismos que permitan impulsar o noso destino. Santi Domínguez referiuse á posta en marcha do Vigo Convenión Bureau e ao Plan de Competitividade Turística, que vai permitir investir en tres anos máis de 4 millóns de euros na dinamización do sector.

O tenente de alcalde explicou que a Concellería de Turismo contará cun stand en Expogalaecia. Tamén avanzou que a cidade estará presente nas feiras máis importantes que se celebran ao longo do ano para difundir o noso producto turístico.

O Salón de Turismo, Gastronomía e Artesanía, que ocupará unha superficie de 10.000 metros cadrados, coincidirá no mesmo recinto feiral co salón Vigoferia e a Pasarela Internacional de Novos Deseñadores. A organización desta cita feiral espera alcanzar unha cifra de negocio directo e indirecto de máis de 10 millóns de euros e estímase que visitarán o salón ao redor de 25.000 persoas. Na convocatoria deste ano, o 54% dos expositores proceden de países como Portugal, cunha presenza que ascende ao 46%, e Perú, Cuba, Arxentina e Uruguai.

O salón converteuse na primeira e maior feira de Galicia dedicada ao sector do turismo e unha das máis importantes do Noroeste peninsular. Está dirixida tanto a profesionais como ao cliente final, razón pola que ano tras ano crece o número de expositores. Isto está motivado especialmente pola cantidade de operacións comerciais que se materializan no transcurso deste encontro.

Ademais das degustacións gastronómicas, Expogalaecia terá un apartado para a promoción do Xacobeo 2010 e para a Bolsa de Contratación Portugalicia, que reunirá por sexto ano consecutivo a vendedores e compradores do sector turístico. O obxectivo desta Bolsa é organizar unhas xornadas de traballo para permitir o contacto, a negociación e a xeración de acordos entre as dúas partes que repercutirán na promoción de Galicia, en xeral, e de Vigo en particular como destino turístico. Nesta nova edición, 20 operadores de turismo de España, Portugal, Brasil e Inglaterra, que ofrecerán Galicia como destino turístico, reuniranse con representantes dos hoteis, restaurantes, asociacións e empresas en xeral de Galicia, Barcelona, Cádiz, Madrid e Zaragoza.
Descargar todas as imaxes