Escoitar

O alcalde estuda coa Confraría de Bouzas o percorrido xacobeo por Vigo e a instauración dunha ruta marítima

Abel Caballero entrevistouse este luns coa Confraría de Bouzas e acordaron estudar conxuntamente o percorrido vigués da ruta xacobea pola costa, ademais de impulsar unha ruta marítima desde Portugal seguindo a chegada do apóstolo a Compostela. O alcalde asegurou que esta é unha "magnífica e novidosa idea".

luns, 24 ago 2009
1251119289bouzas.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a Confraría de Bouzas acordaron este luns estudar conxuntamente o percorrido vigués da ruta xacobea pola costa, para promocionala de cara ao próximo ano santo de 2010.

Segundo indicou o rexedor, a vila de Bouzas ten a acreditación histórica do Camiño e incluso historiadores reivindican que a incorporación da vieira como símbolo da peregrinaxe tivo lugar alí.

Alcalde e Confraría estudarán o establecemento da ruta pola costa no seu paso pola cidade olívica, tras o que Abel Caballero entrevistarase cos seus homólogos de Nigrán e Redondela -municipios colindantes- para acordar o trazado. Posteriormente, "en tres ou catro meses", o alcalde acordará coa Xunta de Galicia os aspectos relativos á ruta e á súa publicitación.

Ruta marítima
O alcalde informou asemade que acordou coa Confraría o establecemento dunha ruta marítima seguindo o percorrido do apóstolo Santiago ata Compostela, en coordinación con Portugal e co Liceo Marítimo da vila.

Así, "en 15 días", segundo indicou Abel Caballero, o Liceo presentará ao Concello un proxecto para o seu estudo e eventual establecemento. O alcalde considerou esta "novidosa" iniciativa como unha "magnífica idea".
Descargar todas as imaxes