Escoitar

Un aplicativo informático de Participación Cidadá permitirá mellorar a xestión das asociacións

xoves, 21 mar 2002
imx1222.jpg
Carátula do programa
A Concellería de Participación Cidadá, en colaboración co Departamento de Enxeñería de Sistemas da Universidade de Vigo, realizou no ano 2001 un aplicativo informático de “Xestión de asociacións cívicas” pioneiro en España.

Este aplicativo informático de xestión de asociacións permitiralles ás asociacións que o desexen levar un control dos seus asociados, actividades, xestión das vocalías e unha pequena contabilidade de xestión interna, explicou a concelleira Mariló Cabaleiro.

Trátase dunha ferramenta de traballo que a Concellería de Participación Cidadá pon a disposición de tódalas asociacións rexistradas no Concello de Vigo para que poidan levar, dun xeito estandarizado, o control de socios, actividades, estructura da asociación, gastos e ingresos por vocalías.

O aplicativo está exposto nunha linguaxe aberta de última xeración (Java), independente da plataforma na que se instale, xa sexa nun ordenador persoal, como nun servidor web. Esta tecnoloxía vaille permitir ás distintas asociacións que poidan escoller, entre dúas formas de xestión:

-Modo local: A asociación que o desexe instalará o aplicativo de xestión nun ordenador persoal na propia asociación. Este modo só permite a consulta no ordenador no que esté instalado, responsabilizándose a asociación do mantemento e seguridade dos datos.

-Modo remoto: O arquivo e seguridade dos datos faise no servidor do servicio de Atención Cidadá e permitirá, entre outros, o acceso ó aplicativo a través de internet dende calquera ordenador conectado á liña telefónica con acceso a través de clave de usuario e contrasinal de coñecemento único pola asociación, a xestión da información coa mesma estructura que no modo local, pero accesible dende calquera punto e non depender dun só punto e a posibilidade de autorizar ós socios e socias das asociacións adheridas para consultar os seus datos, a través de internet, con acceso por claves e accedendo á súa información persoal.

A análise do aplicativo realizouse desde o Departamento de Enxeñería de Sistemas en colaboración co Servicio de Atención Cidadá, e moi especialmente coas aportacións dalgunhas asociacións sobre as necesidades de xestión propias de calquera asociación. Esta colaboración deu lugar a esta primeira versión que se irá perfeccionando en anos vindeiros.

A Concellería de Participación Cidadá, coa implantación dunha aplicación de xestión común para tódalas asociacións, permitirá o intercambio de información entre as asociacións ó dispor da mesma ferramenta de traballo e a mesma estructura dos datos.

Este programa de Xestión de Asociacións Cívicas é un paso máis na creación dunha comunidade virtual de asociacións, o primeiro paso foi a creación do Portal das Asociacións. A mellora na xestión das asociacións utilizando ás últimas tecnoloxías das comunicacións que a Concellería de Participación Cidadá pon o seu servico permitirá o coñecemento e colaboración entre elas e redundará nun mellor servicio ós socios e socias e, por ende, a tódolos cidadáns da súa área de influencia.

O aplicativo entregarase nun CD autoinstalable e co manual de funcionamento impreso.
Descargar todas as imaxes