Escoitar

O Concello esixirá a urxente regulación normativa de programas de educación compensatoria

mércores, 20 mar 2002
As concellerías de Benestar Social e Educación esixiranlles á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a urxente regulación normativa de programas de educación compensatoria para os colectivos con problemas de escolarización. Consideran que inmigrantes, minorías étnicas, alumnado con dificultades de integración nas aulas ordinarias ou con problemas de conducta precisan unha efectiva integración social e a eliminación de posibles causas de exclusión.

As necesidades de compensación educativa déixanse sentir dende hai anos e maniféstanse, en primeiro lugar, coa escolarización do pobo xitano. Ata hai pouco, acusábase ao pobo xitano de non favorecer a escolarización dos seus menores e hoxe a gran maioría dos nenos xitanos está escolarizada. Pódese dicir que están nas aulas pero agora o problema está na atención que se lles pode prestar.

Este problema aumenta coa inmigración, coa chegada de nenos procedentes doutros países e doutras culturas. No ano 1999 déronse de alta no padrón de habitantes de Vigo 650 estranxeiros, 3.950 no 2000 e máis de 7.200 no 2001.

A educación destes nenos é fundamental para unha integración total e completa pero, para que sexa efectiva, é necesario que sexa compensatoria para estes colectivos, tanto xitanos como inmigrantes.

O destinatario desta educación é o alumnado que por factores territoriais ou polas súas condicións sociais se atopa en desvantaxe respecto ao acceso, permanencia ou promoción no sistema educativo. Diríxese tamén ao alumnado pertencente a minorías étnicas ou culturais, en situación social de desvantaxe, con dificultades de acceso, permanencia e promoción no sistema educativo. Ademais, os rapaces que por razóns persoais, familiares ou sociais non poden seguir un proceso normalizado de escolarización cando desa situación se poden derivar dificultades para a súa permanencia e promoción no sistema educativo son tamén destinatarios desta proposta.

A Lei orgánica 1/1990 de ordenación xeral do sistema educativo (Loxse) dedica o seu título V á compensación das desigualdades na educación, establecendo que as administracións educativas adoptarán medidas de discriminación positiva para facer efectivo o dereito á educación e dotarán aos centros dos recursos humanos e materiais necesarios.

O Ministerio de Educación e Ciencia ten a regulación das actuacións de compensación das desigualdades por medio do Real decreto 299/96 e a maioría das comunidades autónomas tamén regularon esta atención establecendo programas e medidas de educación compensatoria.

A falta de regulación en Galicia e a ausencia de programas para a atención ás desigualdades e á diversidade cultural está directamente relacionada coa precariedade dos medios e recursos de atención aos menores con dificultades.