Escoitar

Xuventude fomenta unha visión positiva da mocidade mediante actividades de lecer

luns, 18 mar 2002
imx1215.jpg
Ciber do Castro
A oferta de actividades formativas e de lecer a través de obradoiros lúdicos esténdese de xeito continuado durante todo o ano mediante a programación de ”Súbete ó Castro” da Concellería de Xuventude, que pretende fomentar unha visión positiva da mocidade.

Baixo a denominación de “O Castro Bule”, o concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez, presentou a programación especial de actividades para a Semana Santa de “Súbete ó Castro”, que se iniciará o vindeiro venres 22 de marzo.

Entre as actividades presentadas destaca o I Torneo de xogos en rede patrocinado por Sierra, casa especializada no desenvolvemento de ocio dixital. No campionato participarán diversos cibers da cidade e centrarase en ligas de dous dos xogos máis populares destes momentos: Gunman e Empire Earth. Está previsto que participen máis de 150 mozos e mozas.

Paralelamente, haberá diversas actividades centradas na música, o deporte e a natureza. En especial, se o tempo o permite, é de salientar a actividade nocturna do venres e o sábado: unha jam session na que tódos aqueles mozos afeccionados á guitarra electrónica, á percusión e ó breakdance poderán exhibir as súas habilidades no escenario habilitado para tal efecto na pista de skate do parque do Castro.

Os obradoiros de graffitti celebraranse o 23 e 34 de marzo de 17:00 a 23:00 horas coa pretensión de fomentar esta expresión artística nos lugares axeitados para axudar a paliar as plagas de sinaturas ou tags que danan o mobiliario urbano da cidade. Empresas e particulares cederon muros para que os rapaces interesados poidan desenvolveren esta actividade artística neste obradoiro.


1.500 participantes na anterior edición

Na primeira edición de “O Castro Bule” realizada durante o mes de xuño a participación xuvenil cifrouse en 1.500 persoas.

Co programa “Súbete o Castro” a Concellería de Xuventude pretende ofertar alternativas de ocio saudable para os rapaces da cidade de Vigo. Durante o ano 2001 en torno a 12.000 usuarios participaron nas diversas actividades organizadas. De entre elas foron destacadas actividades en torno á música, o graffitti, o skate e os xogos en rede. O programa conta nas súas instalacións cun ciber público de acceso gratuíto que combina o acceso a internet e os xogos en rede coa programación de cursos de iniciación a internet, de mecanografía e de fotografía dixital.

A programación completa de “O Castro Bule II” xunto con máis información do programa pódese localizar na web www.cibercastro.org ou chamando ó teléfono 986 485 541.
Descargar todas as imaxes