Escoitar

A Copa André Vergauwen disputarase do 23 ao 26 de abril coa participación de seis campións de Europa

A Copa André Vergauwen, segunda competición europea de baloncesto en cadeira de rodas, disputarase en Vigo do 23 ao 26 deste mes nos pavillóns das Travesas e de Bouzas. Hoxe foi presentada a competición, que organiza o Aldasa Amfiv vigués con apoio económico de tenencia de alcaldía e da concellería de Deportes, entre outras institucións.

venres, 17 abr 2009
1239974234amfivweb.jpg
En rolda de prensa na Fundación VIDE, o presidente do club, Pablo Beiro, asegurou que coa organización deste evento "seguimos crecendo", e cualificou de "semana importante" a vindeira pola cita continental.

A competición europea supón a presenza de oito equipos na cidade, catro italianos (Santo Stefano, Padova, Santa Lucia Roma e Sassari), un inglés (MK Aces), un turco (Besiktas) e dous españois (Aldasa Amfiv e Sandra Gran Canaria) e máis dun centenar de habitacións reservadas nos hoteis. Beiro asegurou que foi "grazas ao apoio do Concello" agora e en 2006 (cando trouxeron a Copa Willi Brinkmann), e "pola boa organización de fai tres anos", que a Eurozona concedeulles este ano esta fase final.

Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, asegurou que é obxectivo do seu departamento "traer grandes eventos á cidade", e este o é, pero tamén que estes estean "en sintonía" co deporte de Vigo. O edil nacionalista destacou que dos oito equipos participantes seis son ou foron campións de Europa (só o Amfiv e o Besiktas non o lograron), o que amosa a calidade desta Copa de Europa, e lembrou que o Aldasa xa xogou dúas finais europeas na Copa Willi Brinkmann, aínda que perdidas: "Para chegar a finais hai que estar a un alto nivel competitivo, e iso é o que fixo o Amfiv".

O campionato xogarase nas Travesas e Bouzas os días 24, 25 e 26, mentres que o 23 haberá recepción oficial aos equipos no Pazo Museo Quiñones de León. "Temos todo preparado", sostivo Antonio Riveiro, presidente do comité organizador. Pola súa banda, a adestradora do Aldasa Amfiv, Cristina Cantero, asegurou que o seu equipo quere "facer algo bonito" no campionato.
Descargar todas as imaxes