Escoitar

Benestar Social celebra mañá o II Seminario de Integración Sociolaboral dirixido a colectivos en risco de exclusión

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este xoves que mañá, 28 de novembro, no marco dos actos organizados con motivo do décimo aniversario do Plan Local de Drogodependencias e outras Adiccións (PLDA) terá lugar o segundo seminario de Integración Sociolaboral. A xornada, que será inaugurada ás 9 horas pola edi na planta 11 do Concello de Vigo, está dirixida aos colectivos excluídos ou en risco de exclusión social.

xoves, 27 nov 2008
María Méndez subliña que esta actividade formativa xurde da necesidade de propiciar o encontro de entidades e profesionais que se adican a tarefas de orientación laboral, xestión de empresas de inserción, traballo adaptado e centros especiais de emprego. Tras a apertura do acto, que correrá a cargo da concelleira de Benestar Social, terá lugar ás 9.15 a ponencia "Situación actual das empresas de inserción e traballo protexido", que impartirá o director da Fundación San Martín de Porres (Madrid) Antonio Rodríguez García. Ás 10 horas celebrarase unha mesa redonda que leva por título "Da orientación laboral aos itinerarios personalizados de integración e ao traballo adaptado", na que participarán a coordinadora de Orientación da Provincia de Pontevedra da Consellería de Traballo, María del Mar Colinas, a coordinadora do Programa de Emprego de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Patricia Meixide; e a coordinadora do servizo de Intermediación Laboral de COGAMI Vigo, María Padilla.

Ás 11.30 horas terá lugar a mesa redonda "Da lei ás problemáticas das empresas de inserción e centros especiais de emprego. Saídas e aplicación da normativa que regula a inserción laboral para colectivos en risco de exclusión ou excluídos", que contará coa participación de Ledicia Suárez, técnica do Servizo de Inclusión Social da Secretaría Xeral de Benestar da Vicepresidencia; Charo González, directora técnica da empresa de inserción laboral Cormo Integral, e Lourdes González, responsable de promoción económica e coordinadora de servizos de asesoramento de emprendedores da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. De 12.30 a 13.30 está prevista a celebración de tres mesas de traballo, nas que se tratarán por unha banda os programas de Integración Sociolaboral en Vigo e a súa área de influencia, por outra as saídas laborais e aplicación da normativa que regula a Inserción Laboral para colectivos en risco de exclusión ou excluidos e noutra as propostas para mellorar as empresas de inserción, os centros especiais de emprego e o traballo adaptado. Finalmente, ás 13.30 horas presentaranse as conclusións da xornada.