Escoitar

O goberno municipal mellorará o acceso á praia do Cocho coa compra de dúas parcelas en Alcabre

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a adquisición á Zona Franca de dúas parcelas situadas no Camiño Borralleiro, en Alcabre, cunha superficie conxunta de 2.693 metros cadrados e un importe total de 80.809 euros. O Concello destinará os terreos á mellora da accesibilidade e das dotacións de uso público da praia do Cocho.

luns, 14 set 2026

Abel Caballero informou este luns da aprobación en Xunta de Goberno Local da compra de dúas parcelas situadas no Camiño Borralleiro, en Alcabre, nas proximidades do Museo do Mar. O alcalde destacou que a operación permitirá incorporar ao patrimonio municipal preto de 2.700 metros cadrados de terreo, a parcela denominada Fuerte conta cunha superficie de 2.107 metros cadrados, mentres que a parcela Vidreiros abrangue outros 586 metros cadrados.

O Concello aboará un total de 80.809 euros pola adquisición dos terreos, a parcela Fuerte ten un valor de 63.522 euros e a de Vidreiros, de 17.287 euros. As dúas parcelas están clasificadas como solo rústico de protección de costas e solo rústico de protección patrimonial. Caballero explicou que o obxectivo municipal é actuar sobre esta contorna para facilitar o uso público do litoral,  expoñendo que “queremos mellorar a accesibilidade e eliminar os riscos dos accesos actuais, que son moi deficientes”. A incorporación das dúas parcelas permitirá así ao Concello avanzar na mellora dos accesos á praia do Cocho, reforzando a seguridade e as posibilidades de uso público dunha contorna situada xunto ao Museo do Mar.

Descargar todas as imaxes