O orzamento de Urbanismo crece en 2027 nun 9%, alcanzando os 12.860.982 euros
O fomento da rehabilitación e as políticas de vivenda conforman o groso do orzamento municipal de Urbanismo para o ano 2027. As contas da Xerencia crecen un 9,09% respecto do ano pasado, tal e como confirmou o alcalde.
O vindeiro martes aprobarase o orzamento da Concellaría de Urbanismo para 2027, un montante de 12.860.982 euros, o que supón un 9,09% máis que o ano pasado, cando a cifra foi de 11.789.290,61 euros. Segundo explicou Caballero, o primeiro dos obxectivos será continuar co desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), empezando por finalizar os procedementos de expropiación en curso para dotar de equipamentos e servizos públicos zonas como Bembrive (escola de música), Beade (ampliación do espazo público en Santa Ana), Oia (escola de música), Coruxo (novas instalacións do CRAC), Candeán (acceso ao recinto de festas), Becerreira (aparcadoiro) ou Párroco Don Camilo (vías de acceso ao colexio).
A previsión da Xerencia inclúe tamén o inicio dos novos proxectos de expropiación e a redacción de plans especiais (ampliación do paseo do Lagares en Lavadores, Sárdoma e Castrelos), así como continuar ou iniciar a tramitación de proxectos do sector privado en curso (transformación da Praza de España, La Artística, Alfageme, Álvarez-Barreiro ou a Avenida de Europa). Por último, desenvolveranse espazos de uso público destinados á súa cesión ao Concello, como a integración dos terreos cedidos na Avenida de Europa no paseo da Avenida de Castelao ou desenvolvemento de equipamentos en parcelas municipais en Navia. A revisión do Plan de Ensanche é outro dos obxectivos de Urbanismo, que prevé aprobar o documento inicialmente en 2027.
O alcalde resaltou as políticas de vivenda como prioritarias, unha vez que a Xunta de Galicia non asume as súas competencias. En primeiro lugar, referiuse á actualización do parque de vivendas co reforzo da Oficina Municipal de Rehabilitación). Continuarase coas axudas para a rehabilitación de vivendas, que xa permitiron realizar obras en 400 fogares, con subvencións de ata o 75% financiadas co Goberno de España. Ademais do Observatorio da Vivenda que monitoriza o mercado inmobiliario coa Universidade de Vigo, o Concello mantén tres programas para mobilizar o mercado das vivendas baleiras. En primeiro lugar, hai destinados 700.000 euros para "Vivevigo". O Concello actúa como intermediario entre propietarios e inquilinos, garantindo os contratos de alugueiro. Esta iniciativa porase en marcha en novembro. En segundo lugar, destacan as axudas municipais de ata 20.200 € a fondo perdido para reformas, garantías e seguros, sempre que as vivendas se aluguen a prezos regulados. Neste caso a asignación é de 2.150.000 euros, mentres que o programa de mediación na busca de vivenda para familias vulnerables, en colaboración coa ONG Provivenda, está dotado con 100.453 euros. En cuarto lugar, destaca a liña adicada á compra e xestión de vivendas para incorporalas ao parque municipal de alugueiro.
Por último, Caballero referiuse á construción de novas vivendas para incorporalas ao parque municipal de alugueiro, subliñando en primeiro termo a partida de 3.154.151 € para o edificio de Esturáns, na que inclúe 1 millón de euros dunha modificación orzamentaria). O desenvolvemento urbanístico do Parque Central para a construción de 200 vivendas suxeitas á normativa de vivenda protexida e o proxecto de Barreiro completan a previsión.
Caballero aclarou que para xestionar o parque municipal de vivenda e levar a cabo novas iniciativas como a do Parque Central, o Concello creou a Empresa Municipal de Vivenda, financiada a través da Concellería de Facenda.