Caballero advirte que a A-55 é unha vía “insoportable” e reclama a nova autovía
O alcalde advertiu este venres da nova limitación de velocidade na A-55 entre Vigo e O Porriño, reducindo gran parte do traxecto a 60 km/h, e volveu defender a construción da nova A-52 como solución aos problemas de seguridade e mobilidade dunha vía pola que transitan arredor de 60.000 vehículos diarios. O proxecto do Goberno de España contempla un investimento próximo aos 389 millóns de euros e atópase en tramitación tras superar o período de información pública.
Esta semana entraron en vigor novas restricións de velocidade implantadas na A-55, principal vía de entrada e saída de Vigo polo sur. O rexedor explicou que o percorrido desde o alto de Puxeiros, na contorna do Colexio Lar, cara ao Porriño queda limitado a 60 quilómetros por hora en boa parte do seu trazado: "60 km/h é a velocidade mínima que pode ter unha autovía e practicamente todo o recorrido desde Vigo ata Porriño. En suma, imos a velocidade de carros de bois, imos a unha velocidade lentísima”. O alcalde vinculou as sucesivas limitacións á elevada sinistralidade dunha vía que soporta arredor de 60.000 vehículos cada día.
Os datos da Dirección Xeral de Tráfico indican que nos últimos dez anos producíronse preto de 3.000 accidentes, con arredor de 2.000 persoas feridas e 10 falecidas. A sinistralidade mantívose en niveis elevados nos últimos exercicios, con 297 accidentes en 2023, 323 en 2024 e 283 en 2025. “É insoportable. No tramo de Vigo a Porriño e de Porriño a Vigo concéntrase o 30% de todos os accidentes da provincia de Pontevedra nun tramo de menos de 12 km”, sinalou.
Ante esta situación, o rexedor volveu defender a construción da nova A-52 entre Vigo e O Porriño, que permitirá dispoñer dunha conexión máis directa e segura coa cidade. O Ministerio de Transportes seleccionou como alternativa un trazado que inclúe un túnel de varios quilómetros cun investimento previsto que ascende arredor de 389 millóns de euros. “Vai asegurar tempo baixo de circulación, seguridade e por tanto unha medida antiaccidentes a través dunha autovía en condicións”, afirmou, destacando a mellora que suporá para os accesos á zona de Bembrive e para a distribución do tráfico de entrada e saída da cidade.
Caballero contrapuxo este novo trazado coa alternativa de utilizar a AP-9 para conectar Vigo coa A-52, unha opción que obriga a realizar un percorrido notablemente máis longo e a atravesar sucesivos enlaces entre Vigo, Puxeiros, a AP-9, Atios e novamente a A-55 antes de acceder á A-52. A nova autovía terá unha función directa de penetración na cidade, fronte ao carácter de circunvalación da AP-9. O alcalde criticou a postura da oposición sinalando que “todo Vigo reclama que se faga a nova A-52”, lembrando que se trata dunha infraestrutura reclamada pola cidade desde hai décadas.
O rexedor olívico salientou que o proxecto continúa avanzando administrativamente despois da exposición pública, coa análise das alegacións e a tramitación ambiental. “Teremos unha autovía A-52 en túnel de Vigo a Porriño que salve vidas, que aforre accidentes e que nos faga chegar na terceira parte do tempo que temos que empregar agora”, concluíu.