Escoitar

O Concello de Vigo soluciona o problema de abastecemento de auga de Baiona

Caballero volveu criticar á Xunta por desatender as súas responsabilidades na xestión da auga, particularmente no caso de Baiona. Destacou que esta localidade quedaría sen subministro nunha semana se non chega a actuar Vigo.

luns, 7 set 2026

O alcalde deu conta esta mañá de que Baiona xa está a recibir auga de Vigo destacando que “se non chega a intervir a cidade, Baiona estaría sen auga nunha semana”. Vigo “xa leva un tempo preparando o dispositivo de bombeo que permite suplementar o sistema de Zamáns con achegas procedentes do sistema de Eiras. Este bombeo vense activando preventivamente polo Concello para minimizar a demanda de Vigo da auga procedente de zonas da cidade como Valladares ou Zamáns, e permitindo así mellorar a garantía de abastecemento de Nigrán e Baiona dende este encoro.

Na súa intervención, Caballero ratificou que a auga, como di a conselleira de Medio Ambiente, é un recurso patrimonio de todos, pero matizou que a cuestión importante é distribuír ese recurso entre o resto dos concellos, e o único que asume esa responsabilidade é Vigo, referíndose a outras actuacións noutros municipios como Moaña ou Redondela. Destacou a “xenerosidade da cidade” e afeou á Xunta porque “ademais de non facer nada, critica a quen o fai”.

O alcalde acusou ao goberno autonómico de obviar as súas responsabilidades de subministrar auga en alta limitándose a ameazar aos máis de 300 concellos de Galicia por supostas perdas de auga non rexistrada. En Vigo, dixo, a Xunta falou primeiro dun 30% de fugas, cifra que foi rebaixando ao 25 e ao 20%. O certo, puntualizou, é que a porcentaxe da auga non rexistrada en Vigo é dun 6,3% “seguramente a máis baixa de España”.

Antes ce concluir volveu destacar “a gran incapacidade” da conselleira e do conxunto do goberno autonómico para afrontar a súa competencia en materia de planificación hidrolóxica e ordenación dos recursos. Foi a Xunta, lembrou Caballero, a que frustrou a creación da área metropolitana de Vigo que agora podería organizar o subministro de auga deste territorio.

 

Descargar todas as imaxes