Vigo aproba definitivamente a taxa turística que entrará en vigor o 1 de outubro
A Corporación Municipal aprobou definitivamente na sesión plenaria celebrada esta mañá a nova ordenanza da taxa turística de Vigo, que comezará a aplicarse de forma progresiva a partir do 1 de outubro. A recadación obtida coa súa aplicación destinarase a investimentos en infraestruturas e servizos turísticos da cidade.
O Concello de Vigo aplicará a partir do 1 de outubro de 2026 a nova taxa turística, logo da súa aprobación definitiva no Pleno Municipal celebrado hoxe. O concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, lembrou durante a sesión que o goberno municipal optou por unha implantación progresiva co obxectivo de compatibilizar a nova ordenanza co mantemento da competitividade turística da cidade. A regulación establece un período transitorio de aplicación tanto para os establecementos de aloxamento como para as operadoras encargadas de aplicar a recarga sobre o imposto autonómico. Ata o 1 de xullo de 2027 só se gravarán as dúas primeiras noites de estancia, fronte ao máximo legal de cinco, mentres que os cruceiros contarán cunha moratoria dun ano para a aplicación da taxa.
Aneiros destacou no Pleno de hoxe que Vigo contará cunha tributación moderada en comparación con outras cidades nas que xa se aplica este tipo de recarga. Segundo explicou, as tarifas viguesas son un 27% máis baixas que as de Santiago de Compostela e A Coruña e tamén inferiores ás establecidas en cidades como Barcelona, Bilbao, Lisboa ou Porto. “Colócanos como a cidade máis barata e co menor imposto sobre as estancias turísticas non só da fachada atlántica da península, senón do contexto norte do Estado Español”, recalcou o concelleiro.
As contías que entrarán en vigor son as seguintes:
- Hoteis de 5 estrelas, 5 estrelas superior e 4 estrelas superior: 2 euros.
- Hoteis de 4 estrelas, 3 estrelas superior, 3 estrelas e 2 estrelas superior: 1,60 euros.
- Hoteis de 2 estrelas, 1 estrela superior e 1 estrela: 1,20 euros.
- Pensións: 1,20 euros.
- Albergues, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e vivendas turísticas: 0,80 euros.
Vivendas de uso turístico: 1,60 euros. - Embarcacións de cruceiro turístico: 1,20 euros.
Coa aprobación definitiva acordada hoxe polo Pleno, o Concello culmina a tramitación municipal da ordenanza, cuxa recadación se destinará a actuacións e investimentos vinculados ás infraestruturas turísticas de Vigo.