Vigo avanza na reparación dos muros da cidade con actuacións por preto de 3 millóns de euros
O alcalde deu conta do remate dos traballos en Vista do Mar e da licitación da actuación no Camiño Galindra, en Castrelos. Ademais, e continuando con obras na cidade, o Pleno aprobou, con 18 votos a favor e 5 en contra, reclamar á Xunta unha liña de financiamento para a recuperación e mellora dos sendeiros integrados no Camiño do Litoral.
O goberno local aprobou o pasado venres a licitación das obras para a execución do muro de peche e contención do Camiño Galindra, en Castrelos, cun orzamento de 129.311 euros. A intervención permitirá rehabilitar unha estrutura existente que se atopa parcialmente destruída. Segundo explicou o rexedor, a obra contempla a construción dun novo muro interior de formigón armado, que asumirá a función estrutural de contención dos terreos situados na parte superior. Posteriormente, restituirase o muro tradicional orixinal.
Caballero tamén anunciou que xa finalizaron os traballos de reparación do muro de Vista do Mar, en Lavadores, cun importe de 104.449 euros. A intervención foi necesaria logo de producirse un afundimento da calzada que afectaba á estabilidade do muro de contención e supoñía un risco potencial para a vía. A situación agravárase polas filtracións de auga procedentes da escorrentía superficial durante as borrascas dos últimos meses, aumentando o risco de colapso da estrutura. “Acabamos de finalizar a reparación do muro de Vista do Mar en Lavadores. Máis de 100.000 euros dedicados a recompoñer un muro”, sinalou Caballero, quen enmarcou estas obras no investimento municipal destinado á mellora e conservación deste tipo de infraestruturas.
O Concello está a investir 2,8 millóns euros na reparación de muros en diferentes puntos de Vigo. Entre as actuacións figuran as de Cantabria número 300, en Teis; Vía Traída das Augas, en Cabral; Camiño Igrexa número 113, en Valadares; Baixada á Praia, en Saiáns; praia de Santa Baia, en Alcabre; Escola Infantil Vila Laura; os colexios Mestres Goldar e Valle-Inclán; o campo de fútbol das Relfas, en Sárdoma; e o parque de Navia. O rexedor destacou que este investimento responde “primeiro, por razóns de seguridade; segundo, por razóns de estética; e de terceiro, para garantir o bo uso de tantos colexios e tantos ámbitos da cidade”. “Son case 3 millóns de euros para velar pola seguridade na cidade”, concluíu.
O Pleno reclama á Xunta financiamento para os sendeiros do Camiño do Litoral
O Pleno da Corporación aprobou este luns unha moción do grupo municipal Socialista que insta á Xunta a habilitar unha liña específica de axudas destinada á recuperación e mellora dos sendeiros integrados no denominado Camiño do Litoral. A iniciativa saíu adiante con 18 votos a favor - PSOE e BNG-, e 5 en contra - do Partido Popular. Nuria Rodríguez expuxo que Vigo conta cunha rede de sendeiros locais, urbanos e periurbanos de máis de 100 quilómetros, consolidada ao longo dos anos co investimento municipal, e reclamou unha implicación económica efectiva da administración autonómica na conservación destes espazos.
A moción solicita habilitar unha liña específica de axudas e financiamento plurianual para a restauración, conservación e mellora dos sendeiros que formen parte do Camiño do Litoral, garantindo recursos para os concellos costeiros, así como reclamar que a rede viguesa sexa incluída entre as actuacións prioritarias do proxecto autonómico. A proposta aprobada tamén solicita ademais a creación dun marco estable de cooperación entre a Xunta e os concellos afectados para coordinar investimentos, actuacións de recuperación ambiental e promoción turística, coa participación económica da administración autonómica no ámbito das súas competencias. Rodríguez defendeu que a promoción do Camiño do Litoral debe ir acompañada de recursos económicos para os municipios que conservan e recuperan estes espazos, fronte a situación actual, na que, os concellos costeiros están asumindo os custos das actuacións sen unha liña estable de financiamento autonómico.