O pleno urxe á Xunta unha nova planificación sanitaria para acabar cos recortes de camas e de persoal e co colapso deste verán
A Corporación municipal aprobou hoxe, con 18 votos favorables do PSOE e do BNG e os 5 votos en contra do PP, a moción que urxe á Consellería de Sanidade a poñer en marcha unha batería de medidas para acabar coa “peor asistencia sanitaria” que afronta Vigo polos “recortes salvaxes” da Xunta, con peches de consultas nos centros de atención primaria, de camas hospitalarias, e o colapso do servizo de urxencias.
O Pleno acordou demandar á Xunta cambios na planificación sanitaria de verán para axustar a demanda asistencial real ás necesidades de persoal, así como para garantir que todas as camas hospitalarias estean operativas todo o ano. A estas peticións suma o reforzo dos centros de atención primaria co persoal sanitario necesario para asegurar unha atención adecuada e garantir citas médicas nun prazo de 48 horas. Ademais, insta á consellería de Sanidade a reforzar o persoal do Punto de Atención Continuada de Pizarro para evitar as longas esperas rexistradas ao longo de todo o verán.
Os corporativos urxiron á Xunta a asumir responsabilidades políticas ante o “fracaso” do Plan de Verán polas consecuencias na atención sanitaria da área de Vigo. A portavoz socialista Elena Espinosa, tras debullar a retahila de déficits de atención sanitaria rexistrados desde o mes de xuño como consecuencia da falta de substitución do persoal sanitario en vacacións, denunciou que a Xunta propicia que Vigo vaia “de mal a peor” en atención médica. “Mentres os pacientes sofren e os profesionais están a colapsar, o presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade falan de normalidade”, denunciou. “A cidadanía de Vigo está desatendida sanitariamente”, remarcou ao recalcar que o problema de falta de citas para a atención primaria “repítese” en todos os centros de saúde da cidade. “Rueda e o conselleiro non escoitan á cidade”, recalcou.
CEIP Josefa Alonso
O pleno da corporación aprobou este luns por unanimidade a moción do grupo municipal socialista para reclamar á Xunta que execute con carácter urxente as obras necesarias para solucionar definitivamente as deficiencias do CEIP Josefa Alonso en Matamá.
A edil de Educación, Olga Alonso, recalcou a necesidade de que a administración galega afronte as obras de mellora das cubertas, carpintería exterior, illamento térmico e de todos os elementos que afectan as condicións de habitabilidade e seguridade do colexio. Lembrou que o Concello de Vigo xa realizou reparacións en distintos elementos do centro educativo. A corporación, así mesmo, demandou á Xunta un calendario de actuacións para acometer as obras necesarias no menor prazo de tempo posible.
Vivenda
A corporación acordou, cos votos dos edís dos grupos socialista e nacionalista, a iniciativa do BNG para instar á Xunta a garantir alternativas habitacionales dignas en Vigo para as persoas que se atopan en situación de exclusión social e para as que afrontan o risco dun desafiuzamento, coa implantación dun programa de vivendas sociais de emerxencia. Reclaman que se active en Vigo a liña do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 para erradicar o chavolismo, promovendo os proxectos que sexan necesarios e reformar a Lei de Inclusión Social de Galicia, en diálogo cos concellos e as entidades sociais, entre outras medidas.