Escoitar

Balaídos estrea un novo modelo de mobilidade e seguridade para os días de partido

O Concello de Vigo pon en marcha, coincidindo co inicio da tempada de Liga, unha nova planificación de seguridade, mobilidade e tráfico para os encontros do RC Celta e do Celta Fortuna no Estadio Municipal de Balaídos. O dispositivo establece un modelo estable e coordinado para ordenar os fluxos de peóns, vehículos e transporte público, coa seguridade peonil como principal prioridade.

xoves, 20 ago 2026

“Queremos incrementar a seguridade dos peóns e de toda a área de Balaídos, especialmente nos momentos de maiores concentracións de xente á entrada e á saída do estadio”, explicou Abel Caballero. O alcalde sinalou que o novo sistema permitirá coordinar os movementos peonís coa circulación rodada para facilitar unha chegada e saída do estadio “segura e ordenada”.

O plan manterá as restricións temporais de tráfico e estacionamento que sexan necesarias nas rúas próximas ao campo e adaptarase ás características de cada encontro. Caballero incidiu en que o sistema será homoxéneo, pero os dispositivos terán pequenos matices, xa que a afluencia pode variar en arredor de 10.000 persoas entre uns partidos e outros.

A nova ordenación define de forma estable os espazos reservados para cada un dos usos necesarios durante os encontros. As persoas con mobilidade reducida contarán con diferentes puntos no perímetro do estadio para facilitar a accesibilidade, mentres que o estacionamento de motocicletas se concentrará en zonas determinadas para evitar a ocupación dispersa de beirarrúas e itinerarios peonís. O plano contempla unha área duns 230 metros na avenida de Citroën con capacidade para 175 motocicletas. Na mesma contorna habilitarase unha reserva de aproximadamente 100 metros para prensa, con 45 prazas, á altura da pista de atletismo. A planificación tamén mantén zonas específicas para televisión, autoridades, xogadores, seguridade e outros servizos vinculados á organización dos encontros.

O transporte colectivo terá igualmente espazos delimitados. Na avenida de Fragoso disporase dunha reserva de aproximadamente 100 metros para o transporte urbano e de dúas zonas duns 150 metros cada unha para os autobuses das peñas, favorecendo o acceso a Balaídos en medios colectivos. O plan reserva tamén 12 prazas para taxis na avenida de Balaídos. Ademais, establécense puntos nos que estará prohibido estacionar incluso sobre a beirarrúa, especialmente en ámbitos sensibles do perímetro do estadio, co obxectivo de garantir itinerarios peonís libres e facilitar o funcionamento do dispositivo de seguridade.

O espazo situado fronte á grada de Tribuna continuará sometido ás limitacións de acceso para os clubs e os equipos de seguridade. Nestes momentos, as restricións son maiores pola execución de obras vinculadas á preparación de Balaídos para o Mundial de 2030. Pola súa banda, a explanada situada detrás da grada de Marcador continuará destinada aos equipos de televisión encargados da retransmisión dos encontros.

“Queremos pasar da realización de dispositivos específicos para cada partido a un modelo estable e coordinado da mobilidade en Balaídos”, resumiu Caballero. O Concello pretende así sistematizar o funcionamento de toda a contorna nos días de partido e ordenar de maneira integral os desprazamentos das decenas de miles de persoas que acceden ao estadio, facendo compatible a mobilidade peonil co transporte público, os vehículos autorizados e o resto dos servizos necesarios.

Descargar todas as imaxes