O Vigo Dance Festival amosará o talento das escolas e grupos de danza da cidade
O Auditorio Mar de Vigo acollerá os días 24 e 25 de maio o primeiro festival de danza multidisciplinar ao que están convidados todos os grupos vigueses que poderán participar de xeito gratuíto.

O alcalde presentou este venres o Vigo Dance Festival, primeira edición do festival multidisciplinar de danza de Vigo, que nace “con vocación de permanecer para sempre” porque é un “proxecto pensado e estudado que queremos que dure anos”. Así, convidou a todos os grupos vigueses a participar no evento, que é de carácter gratuíto, e a “todo o mundo que lle guste a danza”.
Durante os días 24 e 25 de maio o Auditorio Mar de Vigo acollerá as escolas de baile, grupos de baile de asociacións veciñais e grupos profesionais de danza no Vigo Dance Festival, que se configura como unha alternativa de ocio, creativa e cultural para a mocidade. Sobre o escenario, unha mostra das diferentes disciplinas da danza, tal e como apuntou Caballero, que avanzou que o festival contará con outra edición no outono, previsiblemente os días 8 e 9 de novembro.
Na presentación celebrada hoxe no Concello estiveron presentes Nerea Suárez e Daniel Suárez, de Dance Academy; Cristina Rodríguez, da escola Media Punta; e María Lago, da escola New Era. Tamén a concelleira de Xuventude, María Lago, e Marta Díaz, a presidenta de Coreomagazine, asociación que promove a danza na cidade, que agradeceu o apoio municipal para desenvolver este programa que quere promover a danza na cidade así como “actitudes saudables e motivos para saír de casa e deixar as pantallas”. Amais destacou o carácter gratuíto do festival, o que permitirá que suban ao escenario grupos que nunca antes puideran bailar no Auditorio polo seu custo, e convidou a participar a tódalas escolas e grupos da urbe onde hai unha calidade de baile que “xa lle gustaría a moitas cidades”.