Escoitar

A asociación que outorga as bandeiras azuis destaca o socorrismo e o salvamento nas praias de Vigo

O vicepresidente de ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), José Palacios, reuniuse hoxe venres co alcalde de Vigo para trasladarlle as súas impresións sobre o estado dos areais da cidade. Palacios eloxiou a mellora do salvamento e o socorrismo con respecto ao ano pasado coa inclusión dun coordinador e salientou asemade o bo ritmo da recuperación dunar do Vao. <br />

venres, 11 xul 2008
O alcalde e o vicepresidente de ADEAC mantiveron este venres un encontro no que José Palacios trasladou ao alcalde as liñas básicas do informe que a Asociación está a elaborar correspondente ao ano 2008. Con respecto ao verán anterior, Palacios destacou a mellora do servizo de salvamento e socorrismo nas nove praias nas que se realiza, debido á incorporación dun coordinador que mellora a comunicación entre Protección Civil, a Cruz Vermella e os socorristas.

En rolda de prensa posterior, o vicepresidente valorou que o servizo comezase este ano antes que no verán pasado, mais recomenda que, de cara a vindeira tempada de baño, o servizo se inicie a comezos de xuño. Palacios o argumenta citando que nos primeiros días deste mes se producen máis afogamentos que no resto do verán.

ADEAC salientou o estado da recuperación das dunas do areal de O Vao, que segue en marcha. José Palacios, que compareceu xunto ao coordinador dos servizos, Carlos Vales, solicitou ao Concello que siga a mellorar para que en cada praia se habilite un posto de socorrismo.

Tal e como informou o vicepresidente ao alcalde, Vigo recibiu oito bandeiras azuis das 101 concedidas en Galicia e das 455 en España. A cidade recibe unha menos que o pasado ano ao considerar o Ministerio de Medioambiente que Samil e Argazada, galardoada esta última en 2007, son unha única praia.

Este cambio foi argumentado por Palacios debido a que se están a endurecer os criterios para outorgar a distinción. O vicepresidente clasificou por orde de prioridade os criterios para a concesión. O primeiro deles, e exclusivo, é a calidade excelente das augas; despois, o respecto á lei de costas, a seguridade (o servizo de salvamento e socorrismo, polo que felicitou ao Concello), a información medioambiental (a de Vigo, "unha das mellores do país", en verbas do vicepresidente de ADEAC), a limpeza absoluta dos areais e dos accesos, a atención aos discapacitados (accesos e aseos) e os baños para os usuarios.

José Palacios solicitou a colaboración cidadá xa que "a maior parte dos problemas das praias son causa dos cidadáns", feito polo que a Asociación incide na educación medioambiental. Tanto Palacios como Carlos Vales apostaron por ampliar o servizo de socorrismo aos 365 días do ano, algo que están a propoñer a todos os municipios.