Escoitar

Isaura Abelairas visita as carrozas dos Reis Magos

venres, 4 xan 2002
imx953.jpg
Abelairas na carroza de Baltasar
A concelleira de Festas e Animación Sociocultural, Isaura Abelairas, visitou as carrozas nas que irán os Reis Magos durante a Cabalgata que sairá de Sanjurjo Badía e finalizará na Porta do Sol. O rei Melchor irá nunha carroza con animais fantásticos, a de Gaspar ten motivos mariños e a de Baltasar un bosque encantado.

O rei Melchor chega da India na súa carroza en tons malvas e rosas, cuberta de neve e presidida polas figuras de dous pavos reais. A fastuosa decoración das súas plumas convértese no motivo ornamental de toda a carroza, milleiros de ollos de colores acompañan a tartarugas e serpes encantadas para completar un tapiz fantástico.

Como se atravesase o espacio e tempo dunha civilización mítica, o Rei Gaspar chega dos mundos subacuáticos da Atlántida. Cabaliños de mar, medusas, caracolas e peixes marabillosos compoñen a corte deste monarca que, como Neptuno, trae toda a fantasía dos fondos mariños coas súas misteriosas luces. Domina a escena o azul coas súas infinitas gamas.

Do antigo Exipto chega o rei Baltasar, con enigmáticos gatos en tons verdes e dourados. Unha carroza que, como non podería ser doutra forma, está construída co característico loto exipcio como principal motivo arquitectónico. As columnas que sustentan o templete do trono, evocando as construccións dos templos do Nilo, trasladan o espectador a un mundo de fermosas lendas e dourados pazos que resulta atractivo para a imaxinación dos cativos.

As carrozas reais miden 12 metros de longo e as da Estrela de Oriente e do Carteiro Real, 8 metros. Todas miden 2,5 metros de ancho e 4,5 metros de alto. Están feitas de materiais de escultura rápida como resina, poliuretanos e poliestirenos con policromía. Levan de 8.000 a 10.000 watios e son alimentadas con xerador autónomo. O presuposto para a súa elaboración é de 7 millóns de pesetas.


Percorrido

A recepción oficial será ás 18:30 na praza de acceso ó barrio das Flores, en Sanjurjo Badía, e a saída está prevista para as 19:15 horas. O Palco Real será o centro de atención dos nenos e estará custodiado por elefantes. Alí, as nenas gañadoras do concurso de cartas ”O Vigo do novo milenio”, Marta Costas Álvarez, Paula Redondo Hervella e Eulalia Da Conçençião Gonçalves, lerán as súas redaccións e, despois, o alcalde Lois Castrillo daralles a benvida ós Reis Magos en nome da cidade. Trala intervención de Melchor, a carroza da Estrela de Oriente abrirá o desfile.

Rondallas, cabalos, carrozas de centros comerciais, coches antigos e grupos de animación infantil acompañarán as carrozas reais, que repartirán 4.000 quilos de caramelos.

A Cabalgata sairá da rúa Julián Estévez e percorrerá a Avenida de García Barbón e Policarpo Sanz para rematar na Porta do Sol sobre as 20:30. Todo o traxecto estará acordoado para evitar que os rapaces se acheguen á comitiva.

O dispositivo de seguridade da Cabalgata de Reis estará formado por 200 persoas que terán a igrexa de Santiago de Vigo e a Casa das Artes como lugares de localización de persoas perdidas. Ademais, editáronse 40.000 trípticos con consellos para o tráfico rodado e 1.200 carteis para anunciar o evento.

O presuposto para a organización da Cabalgata de Reis é de 16 millóns de pesetas, dos que millón e medio son froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a Federación de Peñas, Agrupación de Centros e Federación de Veciños ”Eduardo Chao”.
Descargar todas as imaxes