Escoitar

O concelleiro de Festas comproba as novidades das carrozas da cabalgata de Reis

O concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe o porto de Guixar, onde están as seis carrozas do Concello para a cabalgata de Reis 2005. En concreto, son as carrozas en que irán a Estrela de Belén, Melchor, Gaspar, Baltasar, o Carteiro Real e a carroza dos agasallos.

martes, 4 xan 2005
O concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe o porto de Guixar, onde están as carrozas do Concello para a cabalgata de Reis 2005. Son seis carrozas: a da Estrela de Belén, as de Melchor, Gaspar e Baltasar, a do Carteiro Real e a dos agasallos. Igancio López-Chaves dixo esperar "que sexan ben recibidas", porque "melloraron con respecto ás do ano pasado".

O deseño e fabricación das carrozas, que corre a cargo da empresa Conmasarte, presenta este ano varias novidades. En primeiro lugar, as carrozas de 2005 están decoradas con motivos tradicionais pero cun toque futurista, algo que se pode observar, por exemplo, nas palmeiras que decoran a carrozas de Gaspar, feitas con metacrilato.

Ademais, as carrozas do Concello sobresairán pola luz fría, branca e intensa, dos seus elementos de iluminación. Outra novidade será o reparto de barriñas de luz máxica entre os asistentes.

O orzamento da cabalgata de Reis 2005 supera os 100.000 euros, cos cales se financiarán os grupos de animación, os caramelos, o confeti e as propias carrozas, para as cales se destinou unha cantidade de 50.000 euros.