Escoitar

O Concello contrata a subministración de 500 bancos para o mobiliario urbano

Con esta nova remesa, os bancos dispoñibles na cidade superarán os "4.000" segundo explicou Abel Caballero que tamén informou da adxudicación do servizo de educación permanente de adultos á Asociación de Mulleres Progresistas que incrementará as horas de formación pola demanda do alumnado

luns, 26 set 2016
O alcalde informou este luns da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local da clasificación de ofertas para a contratación da subministración de 500 bancos polo que a cidade superará os "4.000" dispoñibles ao contrario,dixo, do que sucede noutras urbes como Madrid ou A Coruña e que entende como "unha forma de socializar e facer cidade, igual que con trens de alta velocidade".

Ademais a Xunta de Goberno Local deu luz verde á proposta de adxudicación da subministración de árbores, arbustos e plantas de temporada que, segundo explicou o rexedor, "se cambian cada tres meses" para que Vigo "sigo sendo a cidade máis bonita do mundo". Tamén aprobou o plan de seguridade e saúde nos traballos de execución das obras de reparación do palco do parque da carballeira da Guía e o proxecto de convenio co Centro de Formación Divino Maestro Concello para 120 horas de prácticas de catro alumnos do curso "Dinamización comunitaria -AFD 2016".

O alcalde deu conta da adxudicación da prestación dos servizos de educación permanente de adultos á Asociación de Mulleres Progresistas, no que se incrementarán "as horas e a atención" porque é o que pide o alumnado. O programa anual está orientado ao logro de determinadas competencias básicas e Caballero considérao "importantísimo" polo feito de que queda un "número non desdeñable de persoas que aínda non saben ler nin escribir"