Escoitar

O alcalde compromete axuda xurídica e unha vivenda municipal de emerxencia á muller afectada polo desafiuzamento da rúa Pizarro

Abel Caballero garantiu esta mañá a veciña da rúa Pizarro que ten que abandonar a súa vivenda por non pagar o aluguer que "non irá á rúa porque nesta cidade non permitimos estas situacións". Así o avanzou logo de manter unha reunión coa afectada, con membros da Plataforma de Afectados polas Hipotecas e co concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor.

venres, 3 xan 2014
1388768330desahucio.JPG
O alcalde de Vigo avanzou hoxe a garantía de apoio xurídico e unha vivenda municipal de emerxencia na rúa Anduriña para a familia da rúa Pizarro ameazada con ser desafiuzada por impago de aluguer. Tal e como lembrou logo de manter un encontro coa afectada e responsables da Plataforma de Afectados polas Hipotecas, nin esta muller nin os dous fillos menores "irán á rúa porque nesta cidade non permitimos estas situacións". Caballero lembrou que esta muller foi atendida polos servizos sociais do Concello xa no mes de setembro cando se lle tramitou o Risga. Nesta liña, engadiu, o pasado mes de decembro solicitou outra entrevista cos servizos municipais de Benestar e concedéuselle unha achega de 400 euros. Ao mesmo tempo, Caballero subliñou que o Goberno local ofertou 30 vivendas de aluguer social e 7 vivendas para vítimas de desafiuzamentos, das que dúas quedaron baleiras. Avanzou que o martes 7 haberá outra reunión coa afectada na que xa se establecerá unha estratexia xurídica axeitada para este caso.

Caballero destacou que o Concello é a única administración que está a actuar nestes casos e fixo fincapé en que as competencias son da Xunta de Galicia.
Descargar todas as imaxes