Escoitar

Preto de 700 persoas xa solicitaron acollerse ao pago fraccionado do IBI, que desconta un 3%

Esta semana remata o prazo de solicitudes para acollerse a esta nova bonificación fiscal voluntaria da Concellería de Economía e Facenda, incluída por primeira vez neste 2009. Este sistema supón un aforro do 3% do IBI e fracciona o pago en dous prazos, sen recargo nin interese algún. Os solicitantes poden acollerse no rexistro do Concello ou a través da web municipal.

martes, 24 feb 2009
1235482236vigo.jpg
Un total de 675 vigueses xa solicitaron acollerse ao novo sistema de pago voluntario do Imposto de Bens Inmobles (IBI), unha fórmula instaurada por primeira vez para este 2009 pola Concellaría de Economía e Facenda que reduce nun 3% o custo do devandito imposto.

As ordenanzas para 2009 establecen esta posibilidade para particulares, que implica, ademais da reducción do 3% do imposto, o pago en dous abonos: o 31 de maio -pagando o 50% do total do recibo do ano anterior- e a cantidade restante -coa dedución incluída- o último día da recadación voluntaria, o 2 de novembro.

Os vigueses interesados en acollerse ao sistema voluntario poden solicitalo no rexistro do Concello de Vigo ou a través da páxina web municipal (www.vigo.org), antes do 28 de febreiro. Os solicitantes deberán estar empadroados en Vigo e domiciliar o pago.

Obxectivos
A Concellería de Economía e Facenda que dirixe a socialista Raquel Díaz pretende, coa inclusión desta rebaixa fiscal, facilitar o pago do IBI mediante a concesión automática dun fraccionamento en dous prazos, sen recargas nin intereses, nin necesidade de presentar aval nin outra garantía do pago.

Ademais, o Concello procura coa medida incentivar a domiciliación bancaria, como medio de pago máis idóneo, tanto para a Administración como para o cidadán, pola súa comodidade, efectividade e simpleza. Por outra banda, este sistema supón unha rebaixa na presión fiscal, dada a bonificación do 3% na cota do imposto.

Outras medidas fiscais
Cara a este 2009, e con carácter novidoso, o departamento que dirixe Raquel Díaz exime do aval bancario solicitado aos cidadáns que desexen aprazar o pago dunha débeda co Concello inferior aos 3.000 euros, un aval que podería alcanzar os 200 euros.

Tamén se amplia agora a bonificación do 50% aos cónxuxes na transmisión da vivenda habitual por mortis causa ás parellas de feito rexistradas como tal; unhas 2.500 aproximadamente.

Ademais, e para reducir as emisións de gases da cidade, o Concello de Vigo aplica e adapta o Plan VIVE estatal, xa que os vehículos que emitan menos de 120 gramos por quilómetro de CO2 recibirán un 75% de bonificación no imposto de circulación durante dous anos.
Descargar todas as imaxes