Escoitar

O MARCO reforza a súa colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Reforzar a colaboración entre o MARCO e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Este é o obxectivo do convenio de colaboración asinado este mércores no museo polo alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO, Abel Caballero, e o presidente da delegación viguesa do COAG, Salvador Fraga.

mércores, 5 mar 2008
1204727179marcoarquitectos050308.jpg
Por medio deste acordo estableceranse as liñas de colaboración entre a Fundación MARCO e a delegación de Vigo do COAG para a elaboración conxunta de producións culturais nos campos da investigación, formación e difusión, explorando a confluencia da arte e da arquitectura contemporáneas.

Neste sentido, Salvador Fraga salientou que "o artista contemporáneo presta cada vez máis unha atención preferente pola cidade e pola vida urbana", dando lugar a unha "visión entrecuzada" entre a arte e a arquitectura actuais. Co convenio asinado este mércores no MARCO, afirmou Salvador Fraga, "existe a posibilidade de reforzar esta colaboración en Vigo".

Pola súa parte, Abel Caballero sinalou que grazas a este acordo se tenderá "unha ponte entre os dous extremos da rúa Príncipe"; isto é, entre o propio museo e a futura sede viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que estará rematada a finais deste ano, segundo estimou Salvador Fraga. En opinión do alcade, esta "será máis que unha ponte simbólica", xa que contribuirá a reforzar a unión entre "a beleza, a arquitectura e a habitabilidade" nun momento en que o Plan Xeral, dixo, debuxa un Vigo "satisfactorio para todos os cidadáns".

O convenio asinado entre a Fundación MARCO e a Delegación do COAG establece o compromiso conxunto de elaborar, nun prazo máximo de dous anos dende a súa sinatura, un proxecto expositivo sobre a exploración do ámbito da vivenda social. O MARCO comprométese a realizar a exposición dentro da súa programación con cargo aos seus orzamentos, sempre que esta sexa aprobada polo Padroado da Fundación. Pola súa banda, o COAG comprométese a financiar en parte o proxecto e a axudar na busca de patrocinios, así como a propoñer posibles itinerancias para a mostra.

Ademais, o COAG farase cargo da selección de profesorado para os cursos de arquitectura contemporánea que comezarán en outubro de 2008. Estas clases terán periodicidade semanal e orientaríanse cara ao seu autofinanciamento.

Así mesmo, a Fundación MARCO porá a disposición do COAG o Salón de Actos para a súa utilización para actos sociais e culturais, sempre dependendo da súa dispoñibilidade e cando sexa solicitado polo menos cun mes de antelación.

O COAG tamén se compromete a divulgar aos seus colexiados as actividades do MARCO a través dos seus medios de difusión e a páxina web da delegación de Vigo. Ademais, COAG promoverá entre os seus colexiados a Asociación de Amigos do MARCO, facilitando a súa participación nesta entidade.

O convenio de colaboración asinado este mércores estará en vixencia ata que conclúan as itinerancias da exposición do que é obxecto.
Descargar todas as imaxes