Escoitar

Concello e Xunta asinan o convenio para a construcción do novo conservatorio de Vigo

martes, 4 set 2001
No convenio asinado hoxe polo alcalde, Lois Castrillo, e o conselleiro de Educación, Celso Currás, establécese o compromiso da Xunta de contratar e executar as obras de construcción do edificio que albergará o Conservatorio Profesional de Música de grao elemental e medio de Vigo. O presuposto total da obra é de 489.861.179 pesetas. O Concello aporta 374.861.179 e a Xunta 115.000.000.

O novo conservatorio estará ubicado nunha parcela de 5.500 m2 situada a carón da igrexa de S. Antonio da Florida. Trátase dun terreo de propiedade municipal que o Concello cedeu xa libre de cargas e gravames á Xunta de Galicia. O Concello elaborou ademais o proxecto constructivo do conservatorio e trasladouno á Consellería de Educación, que será a encargada de contratar e executar as obras.

No convenio asinado entre o alcalde e o conselleiro de Educación establécese tamén o compromiso da Xunta de acometer obras de acondicionamento no Conservatorio Superior de Música de Vigo, situado no Castro.

Durante o acto de sinatura do convenio, Lois Castrillo salientou o esforzo presupostario que vai realizar o Concello de Vigo para que a cidade poida contar cun conservatorio que dispoña dunhas instalacións modernas e plenamente adaptadas á Loxse. Este empeño do Concello compleméntase co compromiso da Xunta de dotar de persoal e medios materiais os novos conservatorios para garantir que Vigo conte no futuro cuns centros que permitan uns estudios completos de música, dende o nivel elemental ata a carreira profesional.