Escoitar

Verán no MARCO

O Marco acolle, dende o día 3 de xullo e ata o 8 de setembro, un programa de talleres infantís gratuíto que leva por título "Unha volta á Galia". Esta actividade é para nenos e nenas de 3 a 8 anos e terá lugar de martes a sábados (festivos incluídos), de 12.00 a 14.00 horas, no Laboratorio das Artes, no primeiro andar do museo.

xoves, 5 xul 2007
Dende o pasado día 3 de xullo e durante 10 semanas consecutivas, o Marco pon en marcha un programa didáctico para nenos, "Unha volta á Galia", onde se percorrerá o país francés a través da súa historia, habitantes e manifestacións culturais e artísticas. Todos os obradoiros son gratuítos para o público infantil e adultos acompañantes, e ten as prazas limitadas, 40 nenos por día por orden de chegada, agás para os membros da Agrupación de Amigos do MARCO. Tamén ofrécese a posibilidade de reservar por adiantado para grupos, ata un máximo de 15 participantes ó día.

O fin desta iniciativa é lograr un achegamento ao coñecemento da historia da arte dunha forma amena e divertida, relacionar temas da cultura francesa co noso ámbito e con contidos dos ciclos de educación infantil e primaria, mellorar habilidades e capacidades de observación e interpretación dunha obra de arte e, sobre todo, fomentar a creatividades e a imaxinación dos nenos.

O punto de partida destos talleres será a construcción dunha "maquina do tempo" que permitirá que os nenos viaxen por diferentes épocas e lugares do noso país veciño. A partir deste momento cada sesión do programa dividirase en dúas partes: a primeira será un laboratorio de investigación onde "Vercingetorix", o personaxe galo que acompaña ós nenos nas súas viaxes, axudaralles a descubrir cidades, episodios históricos e artistas do seu país, apoiado na narración, con proxeccións de imaxes, e con xogos de dinamización. A segunda parte será a de creación, onde os nenos ralizarán un traballo relacionado co tema do día, utilizando diferentes materiais e técnicas artísticas.

Os nenos que acudan a estos talleres voltarán ó presente unha vez á semana para visitar as salas de exposicións e as creacións de artistas contemporáneos que forman parte da exposición "Novos Horizontes" que se desenvolve en paralelo a esta iniciativa.