Escoitar

A poetisa María Mariño centra unha edición especial de Festa da Palabra Silenciada

Os actos do Día das Letras Galegas de 2007 xirarán arredor da poetisa María Mariño. Para celebralo, a publicación galega feminista Festa da Palabra Silenciada dedícalle unha edición especial que presentan ao público ,hoxe mercores, na Casa do Libro a súa directora, María Xosé Queizán, e a concelleira da Muller, Lucía Molares.

mércores, 21 feb 2007
117206299221.jpg
Festa da Palabra Silenciada centrou o seu monográfico de 1997 na figura de María Mariño, e agora lembra no seu editorial que daquela esta autora "a penas gozaba de identidade firme e menos aínda de estudos sobre a súa obra".

María Mariño naceu en Noia o 8 de xuño de 1907, sendo a cuarta filla dun matrimonio marcado polas difíciles condicións da época. Para as mozas que a coñeceron, a autora de "Palabra no Tempo" foi "unha rapaza solitaria, con inquietudes e desexo de superación". Despois de traballar de costureira na súa vila natal, María Mariño trasladouse coa súa familia a Escarabote (Boiro). A Guerra Civil sorprendeuna durante unha curta estadía no País Basco, ao regreso da cal, outra vez en Escarabote, casou co mestre Roberto Pose Carballido, oito anos máis novo ca ela.

Tras uns anos de residencia no concello de Boiro e breves estadías nunha parroquia de Arzúa e na localidade biscaína de Elantxobe (motivadas pola profesión do seu home), a escritora de "Verba que comenza" instálase no Courel, onde vivirá os últimos 20 anos da súa vida. Este periodo, marcado pola perda dun fillo, dun irmán e da súa nai, será o que vexa nacer os seus primeiros versos, baixo a influencia de Uxío Novoneyra, a quen coñece na aldea de Parada.

María Mariño morreu de leucemia o 19 de maio de 1967 en Parada, cando xa publicara o poemario "Palabra no tempo" e cando xa rematara os derradeiros versos de "Verba que comenza", un libro que se publicaría en 1990 da man do tamén noiés e poeta Avilés de Taramancos.
Descargar todas as imaxes